A web oficial do concello de Carballo

Mulleres de Carballo descargan estrés cunha sesión de destructoterapia no parque empresarial de Bértoa

Un grupo de mulleres, entre as que figuraban as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez, participaron esta mañá no parque empresarial de Bértoa nunha sesión de destructoterapia, unha proposta incluída na programación municipal arredor do 8 de marzo e centrada na saúde mental e na xestión das emocións.

A actividade estivo guiada pola psicóloga Claudia Pradas, que comezou a sesión cunha parte teórica no centro social do polígono na que explicou que é o estrés, como afecta ás persoas e, especialmente, ás mulleres. Durante esta primeira parte, moi participativa por parte das asistentes, abordáronse tamén cuestións relacionadas coa saúde mental e co impacto que factores como os roles de xénero, a presión social ou a sobrecarga de responsabilidades poden ter no benestar emocional.

A sesión permitiu ás participantes identificar como se manifesta o estrés no corpo e nas emocións, así como coñecer ferramentas para mellorar a súa regulación emocional. Entre as consecuencias máis habituais do estrés, sinaláronse dificultades para xestionar as emocións, problemas nas relacións persoais ou a baixa autoestima e a autoesixencia excesiva.

Actividade teórica e práctica

Tras esta primeira parte, o grupo trasladouse ao exterior para realizar a actividade práctica de destructoterapia, unha dinámica de descarga emocional que consiste en liberar tensión mediante o esforzo físico. Tal e como explicou a psicóloga, este tipo de exercicios favorecen a liberación de endorfinas e contribúen a canalizar emocións como a rabia ou a frustración dun xeito seguro e controlado.

Equipadas con traxes de protección, luvas, martelos e pantallas faciais, as participantes tiveron a oportunidade de descargar tensión golpeando distintos elementos, empezando por algúns pequenos como pratos ou vasos e rematando cun coche destinado ao despezamento. A experiencia combinou actividade física, diversión e traballo emocional.

A destructoterapia desenvolveuse seguindo varias fases —introdución, quecemento, destrución e relaxación—, co obxectivo de transformar a descarga de tensión nun exercicio de autocoñecemento e regulación emocional.

A actividade forma parte do programa da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade arredor do 8M, que inclúe diferentes propostas culturais, educativas e de sensibilización destinadas a promover a igualdade e reflexionar sobre os retos que seguen afrontando as mulleres na sociedade actual.

O Día da Muller, no mercado municipal

Carballo celebrará mañá o acto central da programación do Día Internacional da Muller cunha xornada aberta á participación da veciñanza no mercado municipal, na que haberá actividades para todos os públicos, lectura da declaración institucional e unha sesión vermú musical.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa presentación e benvida a cargo de Lupe Blanco, seguida da lectura da declaración institucional do 8M, un texto consensuado por toda a corporación municipal. Na lectura participarán Maica Ures, do BNG; Sheila Cotelo, do PP, e M.ª Carmen Vila, do PSOE.

Durante toda a mañá desenvolveranse tamén distintas actividades participativas, entre elas o obradoiro “Carballo da igualdade”, no que nenas, nenos e persoas adultas poderán escribir mensaxes en follas de carballo que posteriormente se colocarán nunha árbore simbólica. Ademais, haberá xogos para a rapazada dinamizados por monitoras.

A programación continuará ás 12.50 horas coa entrega de agasallos ás nenas e nenos participantes nas actividades, antes de dar paso ao peche festivo da xornada.

A partir das 13.00 horas, o mercado acollerá unha sesión vermú musical a cargo de Sara Pose, que incluirá unha degustación de vermú grazas á colaboración de Bodegas Carballo, e que servirá para poñer o broche final a unha mañá de convivencia, participación e reivindicación arredor da igualdade.