A web oficial do concello de Carballo

O Concello de Carballo avanza na ampliación da rúa Emilio González López, unha vía clave para o tráfico rodado no ámbito da Milagrosa

O Concello de Carballo continúa avanzando no proxecto de ampliación da rúa Emilio González López, unha pequena pero estratéxica vía duns 75 metros de lonxitude que conecta a rúa Cemiterio Vello coa avenida Compostela e serve de enlace entre o barrio da Milagrosa e as estradas cara a Santiago, Ordes e Fisterra.

A pesar do seu reducido tamaño, trátase dunha arteria utilizada a diario por centos de vehículos, incluídos camións e transportes de gran tonelaxe.

Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo prevé a ampliación desta rúa mediante a incorporación dunha franxa de terreo situada en paralelo á vía actual. A actuación permitirá ampliar a sección da rúa e adaptala ás necesidades reais de circulación.

Para levar a cabo esta actuación, o Concello iniciou un proxecto de expropiación de tres parcelas situadas ao longo da rúa, que supoñen a obtención de 623 metros cadrados de terreo urbano consolidado destinado a viario. En concreto, 529 m² nunha marxe, cunha valoración de 119.855 euros, e 94 m² na outra.

Nos últimos anos o Concello mantivo contactos cos propietarios e herdeiros das parcelas afectadas para avanzar na solución urbanística. No caso da parcela máis pequena, na que existe unha edificación, acadouse un acordo coa propiedade que permitiu retirar a fachada afectada e executar un novo muro, regularizando así unha parte do viario. A obra está rematada, como puideron comprobar o alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas e Miguel Vales.

Queda pendente a incorporación da parcela situada enfronte, que permitirá completar a ampliación da rúa. Unha vez resoltos os trámites administrativos pendentes, o Concello poderá continuar cos pasos necesarios para culminar a ampliación dunha rúa pequena en tamaño pero fundamental para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nesta zona da vila.