A web oficial do concello de Carballo

Destructoterapia: xestión emocional e liberación do estrés

07/03/2026
11:00
Polígono industrial de Bértoa

Dentro das actividades que desenvolvemos arredor do 8M, o sábado 7 de marzo realizaremos unha sesión de destructoterapia dirixida especificamente a mulleres do noso concello.

A destructoterapia é unha actividade que combina descarga física controlada, expresión emocional e relaxación posterior. A través do movemento e da acción, permítese liberar tensións acumuladas no corpo e na mente.

Para coordinar a xornada contaremos coa psicóloga Claudia Pradas, que impartirá unha charla inicial para explicar en que consiste cada proceso e o acompañamiento das emocións. Esta parte da actividade realizarase no centro social de Bértoa, e desde alí as participantes desprazaranse ata a parcela do polígono industrial na que se levará a cabo a actividade de destructoterapia, na que colabora a Policía Local.

Por que a destructoterapia pode ser especialmente beneficiosa para as mulleres?

🔹 Descarga de estrés acumulado
As mulleres soportan frecuentemente unha sobrecarga mental e emocional derivada da dobre presenza (traballo e coidados), das esixencias sociais e dos mandatos de xénero. A destructoterapia ofrece un espazo seguro para soltar esa tensión.

🔹 Canalización da rabia e da frustración
A socialización feminina adoita ensinar a reprimir a rabia. Esta actividade permite expresala dun xeito controlado e consciente, transformando esa enerxía en forza e alivio.

🔹 Autorización para ocupar espazo
Golpear, berrar, moverse con intensidade… son accións das que tradicionalmente se apartou ás mulleres. A destructoterapia rompe con esa contención e reforza a idea de que temos dereito a expresarnos plenamente.

🔹 Conexión corpo-emoción
Moitas veces o corpo garda tensións que non verbalizamos. O traballo físico facilita desbloqueos emocionais e unha posterior sensación de calma e benestar.

🔹 Fortalecemento da autoestima
Liberar tensión, sentir forza física e compartir a experiencia con outras mulleres xera sensación de capacidade e empoderamento.

Despois da fase de descarga, a sesión complétase cunha parte de relaxación e integración emocional, deixando unha sensación de equilibrio, alivio e enerxía renovada.

As prazas son limitadas. As inscricións deben realizarse cubrindo o formulario inferior.

Esgotado

Non hai campos definidos para este produto.