A web oficial do concello de Carballo

Daniel Pérez acompañou ao delegado do Goberno na visita ás obras de seguridade e recuperación medioambiental en Razo

O alcalde, Daniel Pérez, acompañou esta mañá ao delegado e ao subdelegado do Goberno, Pedro Blanco e Julio Abalde, na visita ás obras de mellora da seguridade e recuperación medioambiental que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está a executar na praia de Razo, cun investimento de 1,7 millóns de euros.

As autoridades comprobaron o avance das actuacións, cuxo principal obxectivo é reforzar a protección dos noiros fronte á erosión e ás inclemencias meteorolóxicas, así como mellorar a seguridade da veciñanza e das persoas visitantes.

O alcalde destacou a relevancia da intervención e subliñou a importancia da colaboración institucional: “Estas obras son fundamentais para garantir a seguridade das persoas e preservar un espazo natural que é un dos grandes valores de Razo e de Carballo. A coordinación entre administracións está a dar resultados concretos e visibles”, sinalou.

Pola súa banda, Pedro Blanco puxo en valor o investimento realizado —1,7 millóns de euros— e o compromiso do Goberno do Estado coa protección do litoral: “Estamos a actuar con criterios técnicos e ambientais para ofrecer solucións duradeiras. O obxectivo é compatibilizar a conservación do medio natural co uso público seguro e sostible deste espazo”, afirmou.

O delegado incidiu tamén na importancia destas actuacións dentro dunha estratexia máis ampla de protección da costa: “Intervencións como esta permiítennos anticiparnos aos efectos do cambio climático e reforzar a resiliencia do noso litoral”, indicou.

Obxectivos da intervención

No que atinxe á actuación principal en Razo, retomada tras a sucesión de temporais deste inverno, as obras permitirán frear os efectos erosivos, estabilizar os noiros e reforzar as defensas naturais da costa mediante escolleras, tablestacas de madeira e retranqueos do viario perimetral, adaptando as infraestruturas á realidade climática e priorizando a seguridade e o uso peonil.

Estas intervencións complétanse coas actuacións xa executadas en Razo e Baldaio, cun investimento de 450.000 euros con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, centradas na protección do sistema dunar mediante acordonamentos, pasarelas de madeira e eliminación de elementos degradados.

Con esta visita institucional, as administracións estatal e local reafirman o seu compromiso coa seguridade, a protección ambiental e a posta en valor do litoral carballés.