O programa de charlas sobre ocio nocturno, unha iniciativa pioneira en Galicia, chega a Carballo co obxectivo de ofrecer información clara e útil á mocidade sobre o lecer nocturno, facendo fincapé na prevención de riscos, nas condutas incívicas e nas posibles infraccións.
As concellarías de Servizos Sociais, Mocidade, Festas, Policía e Educación impulsan esta actividade, na que se analiza o ocio nocturno segundo se desenvolva en locais de hostalaría, na vía pública ou en espazos privados. En cada ámbito explícanse as normas básicas, as actuacións policiais máis habituais e as consecuencias de determinados comportamentos.
A lexislación preséntase de maneira resumida e adaptada ao público adolescente, abordando referencias á Lei 11/2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, á Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, á Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, ao Código Penal e ás ordenanzas municipais.
As sesións teñen un formato dinámico e participativo para favorecer a comprensión e a empatía cara ao labor policial. Serán impartidas por Martín Camba Conde, axente da Policía Local de Santiago de Compostela con ampla experiencia en servizo nocturno, que achegará casos reais para facilitar a concienciación.
O obxectivo final é informar e promover a colaboración, o respecto e a convivencia no tempo de lecer.
Calendario de sesións
- IES Parga Pondal – 24 de febreiro
- IES Monte Neme – 26 de febreiro
- IES Alfredo Brañas – 26 de febreiro
O 26 de febreiro ás 18:00 horas haberá tamén unha charla aberta ás familias nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Entrada libre.