A Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo encara a recta final do programa C4S – Carballo pola sostibilidade cunha xornada clave para o futuro do sector. Tras meses de traballo con empresas locais a través de formación e mentorización personalizada , o proxecto culminará o 5 de febreiro cun Obradoiro de ideación e cocreación aberto á participación de axentes do territorio.
O laboratorio nace co obxectivo de xerar un espazo de encontro para o tecido turístico e emprendedor do territorio no que identificar barreiras na oferta turística e solucións para desenvolver unha proposta adaptada aos novos perfís de visitantes impulsando a desestacionalización do destino. Ademais contará cun café-networking onde os asistentes poderán identificar sinerxías.
Esta xornada é unha oportunidade única para:
- Achegar a visión sobre os retos reais do turismo en Carballo
- Identificar solucións de xeito colaborativo
- Establecer alianzas e fortalecer a rede de colaboradores aliñados co impacto positivo
- Poñer en valor o compromiso co desenvolvemento do territorio das entidades participantes
Balance do camiño percorrido
O programa C4S naceu co propósito de converter a sostibilidade nun factor competitivo para os negocios turlisticos locais a través da sensibilización, formación e mentorización individualizada. As PEMEs participantes reciben unha diagnose e unha batería de recomendacións para mellorar a súa xestión operativa a través da integración da sostibilidade. Coa celebración deste obradoiro, o Concello busca sentar as bases dunha rede de colaboración e identificar as barreiras na desestacionalización do destino.
Desde o Concello de Carballo animamos a entidades vinculadas ao turismo, o patrimonio e o desenvolvemento do territorio, así coma a profesionais do turismo, a participar activamente nesta xornada, que se celebrará o xoves 5, de 09.30 a 13.30 horas, na sala Cervantes do mercado municipal.
Para solicitar máis información sobre o obradoiro, pode poñerse en contacto no número de teléfono 698170240 ou no correo electrónico c4scarballo@gmail.com