A Biblioteca Rego da Balsa volve abrir o seu Curruncho Pop, no que levamos un decenio mesturando música e literatura, calidade e diversidade. Nesta décima edición, a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística ten preparados cinco currunchos, catro arredor doutras tantas obras literarias, e un quinto só musical, no que sempre tratamos de contar cun artista que non é doado ver por Galicia.
A concelleira de Bibliotecas, Ángeles Pacoret, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron o cartel desta edición tan redonda. Ángeles Pacoret destacou a calidade das propostas que integran o cartel deste Curruncho Pop tan simbólico e lembrou que están dirixidas a todos os públicos, polo que animou á mocidade, ás familias e tamén ás persoas maiores a achegarse ata a Biblioteca Rego da Balsa para gozar dun ciclo de concertos moi especial. Daniel Pérez, pola súa banda, destacou que esta décima edición consolida o Curruncho Pop coma un formato de éxito, que reforza o papel das nosas bibliotecas como “espazos de cultura no sentido máis amplo” e que converte a Rego da Balsa “nun lugar de portas abertas a toda a sociedade”.
Estas son as propostas:
Sábado, 24 de xaneiro | 20.00 h
FERNANDO RUBIO & THE INNER DEMONS
Fernando Rubio foi o guitarrista e compositor da clásica banda de soul e r&b Ferroblues e tamén o guitarra solista da Bantastic Fand, banda do malogrado Nacho Para, que participou hai uns anos no Curruncho Pop dedicado a George Harrison.
Ao seu nome, Rubio leva editados cinco discos, que mesturan música negra, folk e pop psicodélico. En Carballo presentará o último, Luzzy, gravado en directo no Festival de Jazz de Cartaxena, e estará acompañado por dous dos Inner Demons, o guitarrista Joaquín Talismán e o percusionista Paco del Cerro.
Sábado, 21 de febreiro | 19.30 h
Presentación do libro Caballos salvajes. Gram Parsons (1968-1973), de Jordi Puyol Nadal.
Un dos currunchos do ano pasado estivo dedicado a The Byrds, unha banda pola que pasou Gram Parsons. Posteriormente editouse o libro que presentaremos o 21 de febreiro, e tendo en conta o que supuxo no seu momento este músico no nacemento do chamado country rock, decidimos dedicarlle un curruncho e recuperar a OS BIRDIÑOS. Pablo Leira, Ramón Saleta, Joki, Marcos Montoto e Gabrulo refórzanse para vir a Carballo con Ismael Cabaleiro (Malabesta) ao violín e Lucía Pernas interpretando a Emylou Harris, compañeira de Parsons.
Sábado, 21 de marzo | 19.30 h
Presentación do libro Los forajidos de la música country, de Javier Márquez Sánchez. Coñecidos no seu momento coma os Outlaws da música country, denominación coa que chegaron a gravar un par de discos, os máis carismáticos foron Kriss Kristofferson, Waylon Jenings e Willie Nelson. Destes tres, e dalgún máis, soarán cancións neste Curruncho Pop, no que contaremos cos HTH (Honky Tonk Heroes), unha banda especialmente creada para a ocasión por Hendrik Röever, Óscar Avendaño, Ramón Saleta, Joki e a Rubén Suárez, cantante e compositor nos THE FAMILY FOLKS.
Sábado, 25 de abril | 19.30 h
Presentación do libro Conversaciones con Maryní, de Esther Zecco. Maryní Callejo é unha muller totalmente descoñecida para o grande público, e, sen embargo, foi a produtora e directora musical de grupos e cantantes do máis sonados do mercado estatal e mesmo iberoamericano. Ela guiou os primeiros pasos de Los Brincos, Los Relámpagos, Massiel ou Fórmula V; colaborou con Nino Bravo, para o que compuxo Un beso y una flor, e traballou como directora musical con Mari Trini ou Paloma San Basilio. O libro supón un recoñecemento que non tivo na súa traxectoria profesional e que lle chega cando xa ten unha avanzada idade e problemas de saúde que, aínda que o intentamos, non lle permiten desprazarse desde Málaga, onde reside, ata Carballo.
Aínda así, na súa honra contaremos con ESPIÑO BAND, un grupo de Santiago de Compostela liderado por Alfonso Espiño, que fará un percorrido polos temas producidos por Mariní ao longo da súa carreira. A propia Esther Zacco, autora da entrevista e do libro, interpretará algunhas das cancións.
Sábado, 16 de maio | 19.30 h
Presentación do libro Bibiano, cambiar para ser un mesmo, de Carlos Rego. Recuperamos este libro, presentado na PLIC 2025, para poñerlle música no último Curruncho Pop deste 2026, nunha ocasión única. Bibiano foi un persoeiro poliédrico dentro da música, seguramente dos que máis: dende cantautor e participante en Voces Ceibes ata gravar un primeiro disco producido por Alain Milhaud, o produtor de Los Bravos, entre outros. Despois de editar tres discos longos deixou a música como intérprete, pero non se apartou dela, xa que foi o fundador da Escola de Música Contemporánea de Vigo, tivo unha grande promotora de concertos e abriu a mítica sala Kremlin de Vigo.
Para tocar as súas cancións imos contar con ALFONSO ESPIÑO, acompañado nesta ocasión polo guitarrista XOÁN PIÑÓN, que participou na gravación do disco Alcabre e foi fundador do grupo de folk Doa.