A web oficial do concello de Carballo

O Sergas asume a partir deste 1 de xaneiro a Unidade de Condutas Adictivas despois de ser xestionada durante tres décadas polo Concello

A Unidade de Condutas Adictivas (UCA), inaugurada en novembro do ano 1994, deixa de depender do Concello de Carballo e, a partir deste xoves 1 de xaneiro, pasa integrarse a todos os efectos na estrutura do Sergas. Co traspaso deste servizo ponse fin a unha situación anómala que se viña prolongando desde hai máis de trinta anos, xa que, aínda que funcionalmente estaba integrada na área de saúde mental da Coruña, tanto o persoal como a xestión administrativa da UCA dependían do concello.

A corporación municipal de Carballo aprobou a proposta de traspaso do servizo á Xunta de Galicia por unanimidade no pleno extraordinario celebrado o 9 de decembro.

A concelleira de Sanidade, Maica Ures, e o alcalde, Daniel Pérez, salientaron o agradecemento aos traballadores da UCA, cuxa «implicación e bo facer» foron claves no seu bo funcionamento, que se reflicte nos centos de persoas que atende cada ano.

O alcalde, ademais, indicou que xa dou traslado á Xunta de Galicia da petición para que, aproveitando a ampliación do centro de saúde, se teña en conta a incorporación da Unidade de Condutas Adictivas dentro da área de saúde mental. Polo momento, o servizo seguirá prestándose nas instalacións municipais do antigo ambulatorio.