O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o xerente de Festexos e Espectáculos da Intendencia de Montevideo, Eduardo Rabelino, veñen de asinar un protocolo de colaboración con dous obxectivos principais: o primeiro, intercambiar información regular sobre cuestións de interese cultural, socioeconómico, turístico e empresarial de interese para ámbalas colectividades, e, o segundo, a planificación de actividades e proxectos comúns que contribúan á difusión de ámbalas culturas, así coma no estreitamento dos lazos históricos de irmandade.
A sinatura do convenio realizouse na Alcaldía, no marco da visita institucional que está a realizar estes días a Galicia o representante cultural da Intendencia de Montevideo. Eduardo Rabelino tivo a oportunidade de conversar sobre diferentes cuestións co alcalde e outros membros do goberno municipal e asinou no Libro de Honra.
Na xuntanza púxose de manifesto, como tamén se recolle no protocolo, a importante pegada de Carballo na emigración a Uruguai e tamén a destacada presenza de veciños e veciñas procedentes daquel país no noso concello, o que reforza a necesidade de impulsar relacións de colaboración.
Proxección do documental “Sempre en Galicia”
Precisamente, no marco do programa Novembro con Música, para este xoves 27, ás 20.00 horas, está prevista a proxección do documental Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración, de Xan Leira, unha homenaxe ao espazo radiofónico dirixido polo carballés Toni de Seárez.
O programa Sempre en Galicia, no que precisamente esta semana foi entrevistado o alcalde, Daniel Pérez, é un emblema da cultura galega promovida desde o exilio galeguista e republicano do Río da Prata que, desde 1950, ergueuse como unha ponte cultural radiofónica entre a diáspora americana e Galicia. Conmemorar o seu 75º aniversario é unha ocasión inmellorable para celebrar o legado deste programa e recoñecer a súa importancia na historia da cultura galega. Ao rematar a proxección, que se realizará no auditorio do Pazo da Cultura, haberá un coloquio a cargo do director Xan Leira e de Manuel Suárez.
Podes escoitar aquí a entrevista ao alcalde.


