A web oficial do concello de Carballo

A violencia dixital será o eixe temático das actividades organizadas arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Acosar á muller usando o móbil, espiarlle o teléfono, censurar as fotos que comparte nas redes sociais ou controlar o que publica, ter acceso á súa xeolocalización, obrigala a que che envíe imaxes íntimas, obrigala a que che facilite as súas claves persoais, enfadarse porque non responda inmediatamente ás mensaxes… Todos estes son exemplos de violencia de xénero dixital, cada vez máis presente na nosa sociedade, e por iso vai ser tamén o eixe temático das actividades que organizamos arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Sobre a violencia de xénero dixital vai xirar a xa tradicional Declaración Institucional da corporación municipal de Carballo con motivo do 25N e tamén o acto central da intensa semana de actividades que van levar a cabo as concellarías de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade e de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística. As súas titulares, Maica Ures e Ángeles Pacoret, presentaron o programa de actividades acompañadas polo alcalde, Daniel Pérez, e por Eva María Souto García, profesora de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC) e coordinadora da xornada sobre violencias dixitais que se vai celebrar o día 27.

Ademais da propia Eva Souto, que falará sobre A loita contra a violencia de xénero no dereito internacional e nacional, no café-debate que titulamos Violencia dixital: a violencia de xénero do século XXI participarán José Antonio Ramos Vázquez, profesor titular de Dereito Penal da UDC e maxistrado suplente da Audiencia Provincial da Coruña, que exporá A intervención penal ante a violencia dixital, e Ana María Neira Pena, profesora contratada e doutora de Dereito Procesual e directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, que se centrará nas Deepfakes: a imaxe falsa como arma de violencia machista, ademais de explicar que servizos se ofrecen á comunidade universitaria desde a oficina que dirixe.

Esta interesantísima cita celebrarase o 27 de novembro, ás 17.00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Dado que a capacidade é limitada, as persoas interesadas deberán inscribirse aquí: https://carballo.gal/evento/cafe-debate-sobre-violencia-dixital-a-violencia-de-xenero-do-seculo-xxi/  

Presentación

A presentación do programa de actividades que se desenvolverán arredor do 25 de novembro tivo lugar na Biblioteca Rego da Balsa, xusto diante do recuncho de lectura permanente dedicado á igualdade. Tanto nesta biblioteca coma na Agra de Campos pode consultarse durante todo o ano “un fondo moi interesante e moi atractivo, dirixido a todos os públicos, cunha temática moi variada: feminismo, igualdade, educación sexual e afectiva, diversidade sexual… Convídovos a visitar as nosas bibliotecas, porque ides atopar lecturas interesantísimas”, apuntou a concelleira de Bibliotecas.

Ángeles Pacoret avogou tamén porque o 25N deixe “de ser unicamente unha data no calendario e sirva para lembrarnos as voces de todas aquelas mulleres que sufriron algún tipo de violencia, pero ademais creo que debe ser un canto á esperanza, no sentido de que temos que ser unha sociedade cohesionada na que o medo non teña cabida”.

“No concello de Carballo o 25N son os 365 días do ano, porque as violencias machistas non aparecen nunha semana concreta, senón que ocorren calquera día, en calquera lugar e en calquera contexto”, indicou a concelleira de Igualdade. Maica Ures explicou que as actividades deste ano se centran nas violencias dixitais porque “a sociedade cambia, e as violencias machistas tamén mudan e aprovéitanse dos recursos que están na súa man para controlar e agredir ás mulleres. Por iso este ano poñemos o foco na violencia dixital, porque detrás das pantallas están mulleres e nenas que sofren agresións, e temos que ser conscientes de que por aí poden vir moitas das problemáticas que teñamos”.

Maica Ures foi tamén a encargada de desvelar o programa do 25N, que inclúe propostas para nenos e nenas a partir dos 3 anos, xa que a educación en igualdade é fundamental, pero tamén para mozos e mozas, profesionais vinculados ao Centro de Información á Muller (CIM), mulleres vítimas de violencia e público adulto en xeral.

A este último vai dirixida a xornada do día 27. “Esta é unha oportunidade para conectar o traballo que se fai nas universidades con outras institucións, como neste caso o Concello de Carballo. Precísase un cambio social e educacional, e as actividades de divulgación de cara á cidadanía son as que van facer que ese futuro cambio”, manifestou Eva Souto.  

O alcalde de Carballo pechou a rolda de intervencións cun agradecemento tanto ás concellarías organizadoras coma á UDC pola súa implicacións, e lembrou que na loita diaria contra a violencia machista non só teñen que implicarse as mulleres, senón tamén os homes. “Somos os primeiros que temos que entender que a violencia de xénero require a nosa implicación», asegurou. Daniel Pérez avogou tamén por una lexislación que teña perspectiva de xénero.

Outras actividades

Mércores 19

Sesións ás 17.00 e 18.30 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas

Lúa quere viaxar a… Marte

Despois de dar a volta ao mundo, Lúa sorprende a familia e amizades cunha gran nova: agora quere viaxar a Marte!

Malia todos os atrancos e dificultades, Lúa non está disposta a renunciar ao seu soño de ser astronauta e fará todo o posible para logralo.

Un espectáculo da Xanela do Maxín para nenos e nenas de 3-4 anos.

Organiza a Concellaría de Normalización Lingüística dentro do programa Apego.

Venres 21

18.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas

Bolboretas

Bolboretas é un espectáculo de narración oral que mestura monólogo, palabra contada, humor e poesía. As historias de nenas e mulleres que voan alto son as protagonistas, e todo acontece dende un baúl cheo de recordos. Historias de nenas e mulleres que se adaptan ás idades do público para contar que outro mundo, sen violencia e con igualdade, é posible. E para contar esas historias estará con nós Sole Felloza, actriz, escritora e dramaturga, directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica.

Público: nenas/os a partir de 8 anos

Martes 25

18.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas

Cinema de historias da man de Alice Guy

Alice Guy foi a primeira persoa en dirixir cine de ficción contando unha historia, ademais foi actriz, guionista, directora, deseñadora de vestiario, cámara, produtora, cómica, maga e moito máis…

Sabiades que cara 1900 dirixiu curtas de corte feminista, e contra a violencia de xénero, a homofobia e o racismo? E non o tivo nada fácil…

Non podemos cambiar o exilio histórico ao que foi condenada durante décadas, pero si podemos facer xustiza con ela a partir de agora. É tan sinxelo como contar a súa historia. Porque ademais é unha fantástica historia: todo empezou cun soño, un xefe que a subestimaba e uns repolos máxicos. Quen non querería coñecer a vida de Alice Guy, A nai do cinema?”

Un espectáculo de Raquel Queizás para nenos e nenas a partir de 3 anos

20.00 h | Praza do Concello

Concentración veciñal contra a violencia de xénero

Lectura do manifesto contra a violencia de xénero e actuación do grupo de violonchelos do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo

Aberto a toda a cidadanía

Mércores 26

19.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas

Presentación das obras literarias Muñeca de papel e Juego de roles, da carballesa Ana Muíño Rey

Fisioterapeuta de profesión, esta carballesa de Rus traballa na actualidade no Hospital Universitario de Xenebra (Suíza), pero ten outra paixón, que é a literatura. Durante o seu primeiro embarazo escribiu Muñeca de papel, a súa primeira novela, publicada con Caligrama Editorial, que lle outorgou o Sello Talento, e acaba de saír a segunda parte case ao tempo que tivo o seu segundo fillo.