A web oficial do concello de Carballo

Volve “Nada e corre”, unha competición da AD Fogar que leva seis edicións promovendo os deportes da natación e o atletismo na infancia

O presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez Nogueira; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e o alcalde, Daniel Pérez, presentaron unha nova edición de Nada e corre, un particular formato de duatlón impulsado pola asociación deportiva carballesa que leva seis edicións promovendo os deportes da natación e o atletismo entre a rapazada.

A sétima edición celebrarase este domingo 16 de novembro, a partir das 10.00 horas. Os 61 participantes, 20 deles/as do club anfitrión, disputarán en primeiro lugar unha proba de natación na piscina municipal Carballo Calero, con distintas distancias segundo as idades dos nenos e nenas: desde 25 metros os/as máis pequenos/as ata 300 os/as cadetes. E despois será a carreira pola contorna do complexo deportivo, tamén desde 250 ata 1.500 metros, segundo as categorías.

O concelleiro de Deportes cualificou o Nada e corre como “unha gran iniciativa, sobre todo porque é a maneira de que os rapaces máis pequenos se acheguen a dous deportes como o atletismo e a natación, e que vivan esa xornada de convivencia, competición e esforzo de cara a súa formación”.

O presidente da AD Fogar agradeceu a colaboración do Concello de Carballo, así coma da Federación Galega de Triatlón e das empresa colaboradoras, e destacou que se trata dunha proba de inscrición gratuíta.

Pola súa banda, o alcalde destacou a elevada representación do club carballés, mostra do bo traballo “de promoción e achegamento da xente nova ao deporte” que fai a AD Fogar “desde hai anos”.