A 8ª gala anual do movemento Vilas en Flor terá lugar este vernes, 14 de novembro a partir das 12:15h no Fórum Carballo. Durante o evento, farase entrega das Flores de Honra, de 1 a 5. Este é o galardón co que se recoñece a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna dos 41 concellos de menos de 40.000 habitantes inscritos nesta edición.
A gala estará presidida polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto.