Este domingo, 9 de novembro, tivo lugar a gala final do XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’ do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) onde os seis grupos finalistas volveron interpretar as pezas teatrais que xa emitiran por Cadena Ser -Radio Nordés para determinar a orde dos grupos gañadores. O acto estivo presentado por Brais das Hortas, quen tamén amenizou o evento cun espectáculo destinado a público familiar. O xurado valorou de novo as pezas e procedeu á entrega de premios, libros e material didáctico valorados en 850 euros. A continuación tivo lugar unha chocolatada para todos os escolares participantes e as súas familias. Aquí deixamos a listaxe de grupos gañadores.
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):
- 1º premio de 200€ para XOANIÑA, do CEIP A Canosa-Rus, coa obra Arden os montes.
- 2º premio de 150€ para OS CRISTINATREIROS, do CEIP A Cristina, coa obra Medo me dá.
- Accésit de 75€ para OS CHIMPÍNS, do CPR Artai, coa obra Axudando ao bosque.
Na 2ª categoría (Educación Secundaria):
- 1º premio de 200€ para INVISIBLES, do IES Monte Neme, coa obra Ícaras.
- 1º premio de 150 € para EQUIPO ANTIMETA, do IES Eduardo Pondal, coa obra O interrogatorio.
- Accésit de 75€ para OS TOXOS, do IES Monte Neme, coa obra Hai un punto que me doe.
O certame contou de novo coa colaboración de Radio Nordés Cadena Ser e coa achega económica da Libraría Brañas Verdes para os seis premios. O FIOT quere agradecer a implicación dos centros educativos e do profesorado nesta iniciativa que ten como obxectivo promover o teatro entre os máis pequenos da casa e adolescentes.
Un total de 23 grupos
Un total de 23 grupos de 12 centros educativos de Carballo, A Laracha, Laxe, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños participaron neste 2025 no XXIV Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís do FIOT. O xurado preseleccionou 12 grupos para gozar da experiencia radiofónica nos estudios profesionais de Radio Nordés Cadena Ser e, desta gravación, saíron os 6 finalistas nas dúas categorías agora anunciados.
As 12 pezas seleccionadas para a experiencia radiofónica emitiranse ao longo deste mes de novembro no programa Vivindo a Costa da Morte de Radio Nordés entre as 13.00 e as 14.00 h dos seguintes días:
· Luns 3 de novembro: Arden os montes.
· Mércores 5 de novembro: Lindaflor.
· Venres 7 de novembro: O cogomelo Agarico.
· Luns 10 de novembro: O fol avarento.
· Mércores 12 de novembro: Carapuchiña, Carapuchona e Lobo Lobito.
· Venres 14 de novembro: Hai un punto que me doe.
· Luns 17 de novembro: Lúa ouriñou no xardín.
· Mércores 19 de novembro: Ícaras.
· Venres 21 de novembro: Medo me dá.
· Luns 24 de novembro: O interrogatorio.
· Mércores 26 de novembro: Axudando ao bosque.
· Venres 28 de novembro: Por que dorme a Bela Dormente?
É posible ver todos os vídeos na canle de YouTube do FIOT:
O certame
Esta é unha proposta moi especial do FIOT para facer teatro doutro xeito, que conta xa con 24 edicións ás súas costas. Grazas a este certame, as voces da rapazada levan o teatro aos fogares de todos os recunchos de Bergantiños a través das redes sociais e as ondas radiofónicas.
Co apoio dos centros escolares de Primaria e Secundaria de toda a comarca e coa finalidade de promover o teatro entre os/as máis pequenos/as e de favorecer a súa iniciación á interpretación a través da lectura dramatizada, neste 2025 o FIOT continúa con esta proposta que xa vai pola XXIV edición. En consonancia cos novos tempos, a participación foi mediante un arquivo de vídeo coa gravación da lectura, para que todos/as os/as interesados/as poidan ver escoitar e ver as interpretacións dos grupos participantes a través das redes sociais do festival.








