Axober suma unha nova cita ao seu catálogo anual de eventos, e aínda que é a primeira edición, a xornada Bergantiños cero emisións nace con vocación de continuidade. Carballo vaise converter este sábado 8 de novembro no punto de referencia da mobilidade sostible e as enerxías renovables a través dunha iniciativa que inclúe exposicións, charlas e demostracións técnicas.
“Agardamos que sexa unha xornada enriquecedora para todos”, indicou Diego Iglesias, presidente de Axober, na presentación da xornada, na que estivo acompañado por representantes de varias das empresas participantes. Por parte do Concello de Carballo, que colabora na iniciativa xunto coa Deputación da Coruña, asistiron os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Innovación, Iván Andrade, ademais do alcalde, Daniel Pérez.
Iván Andrade cualificou a xornada coma “fantástica”, tanto polo nivel dos relatores como polo obxectivo que persegue. “Nesta xornada -dixo- vaise falar de vehículos e infraestrutura de carga, así coma das diferentes opcións que temos tanto desde o punto de vista privado como nas empresas ou como as propias administracións públicas podemos intervir. Desde a área de Innovación ten todo o noso apoio, porque cremos que o vehículo eléctrico ten que integrarse no mercado”.

Na mesma liña, o alcalde aludiu á importancia de concienciar á veciñanza, “porque temos un só mundo e está claro que é necesario explorar aínda máis no eido das enerxías renovables”. Daniel Pérez cualificou a implantación das enerxías respectuosas como un reto “de toda a sociedade”, tanto a nivel local coma mundial, e destacou que Carballo, que foi un concello pioneiro, por exemplo, na instalación dun punto de recarga intelixente, seguirá traballando nesa liña.
A xornada, aberta a toda a ciudadanía, celebrarase este sábado 8 nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. A inauguración oficial está programada para as 11.00 horas, e ao longo da xornada celebraranse mesas redondas e charlas nas que intervirán Pepe Bello, de Energal; Carlos Carmona, de Qwello; Óscar Vázquez, de Diexfe Material Eléctrico, e Emilio Froján, de Velca, todos eles representantes de empresas punteiras do sector.
De xeito paralelo, na rúa Desiderio Varela haberá unha exposición de vehículos das marcas participantes: Toyota, Hyundai, Peugeot, Kia, Nissan, Renault e Skoda.
Será, en palabras de Axober, “un día para descubrir, aprender e avanzar cara un futuro máis limpo e eficiente”. E, como engadiu o alcalde, “seguro que vai ser unha xornada moi produtiva e que se van sacar conclusións moi importantes para avanzar cara ese obxectivo de cero emisións”.