A web oficial do concello de Carballo

O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, destacou na súa primeira visita oficial ao Concello de Carballo o impulso que suporán os fondos do Plan EDIL

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, recibiu hoxe ao subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, que, tras o seu recente nomeamento, realizou a súa primeira visita institucional ao noso concello.

O subdelegado do Goberno mantivo unha xuntanza na Alcaldía con varios membros do goberno municipal. Na reunión abordáronse os principais proxectos e retos do municipio e púxose en valor o impulso que supón o Plan EDIL do Goberno de España, a través do cal Carballo recibirá máis de 6,5 millóns de euros para actuacións de transformación urbana, social e ambiental.

En concreto, o noso concello percibirá 6.547.727 euros, que financiarán o 60 % dun investimento total de 10,9 millóns de euros. O Concello de Carballo achegará o 40%. Os fondos destinaranse a varios proxectos clave, entre eles a construción do edificio para entidades sociais, así como a creación do novo auditorio, a reforma da Praza do Concello e da casa consistorial e a habilitación do pulmón verde nas beiras do Rego da Balsa.

Abalde destacou que o Plan EDIL é “unha mostra clara do compromiso do Goberno coa cohesión territorial e co equilibrio entre o rural e o urbano”, e subliñou que as actuacións previstas “mellorarán a calidade de vida da cidadanía e a sustentabilidade dos municipios galegos”, entre eles o de Carballo.

Daniel Pérez, pola súa banda, puxo en valor o traballo desenvolvido polo seu antecesor, Evencio Ferrero, e polo conxunto do goberno municipal do BNG para a consecución dos fondos europeos, que permitirán, dixo, “seguir avanzando no necesario proceso de transformación do noso concello”.

Plan EDIL

O Plan EDIL, financiado con fondos FEDER 2021-2027, destinou en Galicia un total de 176 millóns de euros a 54 concellos a través de 28 proxectos. No conxunto de España, a convocatoria mobiliza 1.774 millóns de euros en 242 proxectos, o que supón máis de 2.500 millóns de investimento público.

As axudas, xestionadas polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral de Fondos Europeos, asignáronse segundo criterios de cohesión territorial e concorrencia competitiva, priorizando as rexións menos desenvolvidas.