A web oficial do concello de Carballo

O nacionalista José Daniel Pérez López convértese no cuarto alcalde de Carballo da democracia tras a renuncia de Evencio Ferrero Rodríguez

José Daniel Pérez López, do BNG, converteuse este sábado 11 de outubro no cuarto alcalde de Carballo da democracia, tras a renuncia de Evencio Ferrero Rodríguez, que despois de 22 anos como presidente da corporación e de 46 como concelleiro, quixo facer coincidir a súa xubilación laboral coa xubilación política ao cumprir os 70 anos. O sábado, o ex alcalde ocupou unha das cadeiras reservadas entre o público, que ateigou o salón de sesións.

Belén Lendoiro, que viña exercendo como alcaldesa en funcións desde a renuncia de Evencio Ferrero, presidiu a sesión, á que asistiron 20 dos 21 membros da corporación. O popular José Rey escusou a súa ausencia.

O primeiro punto da orde do día foi a toma de posesión de Daniel Barreiro Quintáns, que figuraba como número 15 na candidatura do BNG e que ocupa o posto baleiro tras a marcha de Evencio Ferrero e o cese anticipado de Begoña Moscoso, que figuraba no número 14 da lista nacionalista.

Coa corporación de novo ao completo procedeuse á votación para a elección de alcalde, posto ao que optaban María Carmen Vila, polo PSOE, e Rubén Lorenzo, polo PP, ademais de Daniel Pérez. O candidato nacionalista acadou a maioría absoluta dos votos. Despois de prometer o cargo pronunciou o seu discurso de investidura, que podedes escoitar de xeito íntegro no vídeo.

Leon Heldt, alumno do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, abriu e pechou o acto con dúas magníficas interpretacións ao piano.

A corporación municipal de Carballo estará integrada por 13 representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), 6 do Partido Popular (PP) e 2 do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE).