A web oficial do concello de Carballo

elos-chapa

O programa

Elos é un programa de voluntariado lingüístico para facilitar o contacto entre persoas que desexan aprender e practicar o galego e persoas que queiran colaborar con elas.

A partir dos datos que se facilitan na inscrición, compóñense parellas lingüísticas tendo en conta a dispoñibilidade e os intereses e cítanse para o seu primeiro encontro, que se realiza coa mediación dunha persoa coordinadora do programa. Os datos de contacto só se facilitan unha vez que as dúas persoas aceptan a parella proposta.

O funcionamento posterior é autónomo, co compromiso de conversar en galego, cando menos, unha hora á semana. Os encontros poden ser virtuais ou presenciais.

A coordinación do programa mantén o seguimento para resolver dúbidas ou buscar novos emparellamentos cando algunha das partes deixa o programa temporal ou definitivamente. Tamén ofrece actividades complementarias e gratuítas coas que coñecer máis sobre o noso contexto cultural.

Quen pode participar?

Calquera persoa, de aquí ou de fóra, que queira aprender a falar en galego. Calquera persoa que saiba falar galego, coa vontade de axudar outras persoas a mellorar a súa competencia na nosa lingua.

En que me vai axudar?

Para entender mellor calquera información.
Para comezar a falalo.
Para atopar con quen practicar.
Para coñecer máis e mellor a xente e a cultura deste lugar.

E de que me serve?

Podes facer novas amizades, coñecer outras realidades e culturas e quizais intercambiar a túa lingua con outra que desexes aprender.

Quen pode participar?

Consellos para ser
unha parella lingüística feliz

Participar en Elos pode ser un bo xeito de empezar unha amizade pero, cando menos, debe ser unha fórmula agradable de transmitir e adquirir a lingua. Os intereses comúns farán máis fluídos os encontros, facilitarán a conversa e converterán en máis significativa calquera aprendizaxe.

Con estes consellos queremos axudar a que sexa máis fácil e proveitosa esa transmisión e suxerir tamén algunhas opcións para enriquecela.