A web oficial do concello de Carballo

A corporación municipal aprobará no pleno de setembro o convenio entre o Concello e o Sergas para converter o centro de saúde nun centro integral de saúde comarcal

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de setembro, que se celebrará o luns 29, o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e o Sergas para ampliar o centro de saúde e convertelo nun centro integral de saúde (CIS) de ámbito comarcal.

O alcalde, Evencio Ferrero, que deu conta dos asuntos que abordará a corporación acompañado pola concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, aludiu á importancia deste trámite, o último para que o Sergas inicie os trámites para a construción do CIS. “Desexamos que estea operativo canto antes, xa que, ao meu xuízo, leva bastante retraso”, dixo Evencio Ferrero.

Por parte do Concello de Carballo xa se puxo a parcela a disposición da Xunta de Galicia en decembro do ano pasado, e agora mesmo están en marcha as obras de urbanización, cun investimento de 243.759 euros procedentes das arcas municipais. As obras, que executa a empresa Gestal y López, consisten na apertura dunha nova vía que conectará a rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio.

Obras de urbanización da parcela do centro de saúde

A rúa será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible e disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas, nas que se está a traballar estes días, empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar 15 árbores.

As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Por parte do Concello de Carballo xa están dados todos os pasos, e agora correspóndelle á Xunta de Galicia a construción do novo edificio, que terá unha superficie de 1.820 metros cadrados, e permitirá ampliar e mellorar os servizos sanitarios en Carballo e na comarca.