A web oficial do concello de Carballo

A Deputación da Coruña inicia as obras de aglomerado na estrada de Carballo a Razo e habilita un treito de senda peonil en Cances da Vila

A Deputación da Coruña iniciou as obras de mellora integral do firme da estrada provincial DP-1902, que une Carballo e Razo, cun investimento de 376.984,08 euros.

Os traballos afectan a un treito de 6,6 quilómetros, comprendido entre os puntos quilométricos 2+450 e 9+000. A intervención consistirá na limpeza de cunetas ao longo do trazado, co obxectivo de mellorar o drenaxe da estrada e evitar o deterioro prematuro. Así mesmo, realizarase o fresado e a reposición puntual do firme nas zonas onde se detectaron afundimentos ou degradacións.

Como parte fundamental da obra, procederase ao estendido dunha capa de aglomerado cun espesor de 6 centímetros, que proporcionará unha superficie uniforme, segura e adaptada ao tránsito rodado, especialmente ao tráfico pesado. Tamén se executará o recrecido das tapas de rexistro para adaptalas á nova rasante e evitar desniveis que poidan afectar á condución.

A mellora completarase coa renovación da sinalización horizontal, que permitirá unha correcta delimitación dos carrís e incrementará a seguridade viaria, así como coa substitución ou reposición da barreira de seguridade nas marxes da estrada.

Durante as obras habilitarase circulación alternativa por un dos carrís da vía, regulada con semáforos.

Obras en Cances

A Deputación da Coruña tamén está a executar, dentro do plan anual de mantemento e conservación da súa extensa rede viaria, obras de mellora da seguridade peonil en Cances da Vila. A actuación consiste no acondicionamento dun treito de 150 metros de cuneta transitable, dando resposta deste xeito a unha demanda veciñal. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Servizos e Mobilidade, Miguel Vales e Juan Seoane, respectivamente, visitaron a obra.