A web oficial do concello de Carballo

Arquitectura, microtoponimia e augas termais protagonizan a segunda edición das Xornadas Carballo na memoria, que se celebrarán do 16 de setembro ao 2 de outubro 

A Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística continúa a reactivar o proxecto Carballo na memoriacon distintas iniciativas. Despois da boa acollida que tiveron o ano pasado as xornadas de microtoponimia e a homenaxe a Francisco Miguel e a todas as persoas represaliadas polo franquismo, este ano, en colaboración coa Concellaría de Planificación Urbana e Mobilidade centramos a mirada na arquitectura.

As II Xornadas Carballo na Memoria arrincarán o martes 16 de setembro nas Escolas do Xardín Agra de Caldas coa apertura da exposición Arquitectura e memoria, unha colección de vinte acuarelas do artista local Martín Garrido Porto nas que nos convida a realizar un percorrido por algúns dos edificios que forman parte da súa arquitectura evocadora. A inauguración celebrarase ás 19.30 horas, coas intervencións de Juan Seoane, concelleiro de Planificación e Mobilidade; Martín Garrido, autor das obras, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Aínda que nado en Oza-Cesuras no ano 1962, Martín Garrido é carballés desde os oito anos, unha idade na que xa afloraban as súas calidades artísticas a través do debuxo e as artes plásticas. Delineante de profesión, os seus fortes artísticos son as maquetas de todo tipo e a pintura. Nesta exposición asómbranos cunhas fermosas e detalladas acuarelas de edificios e rúas carballesas.

O horario de visitas á exposición será o seguinte:

  • Días 17 e 19, de 17.00 a 19.00 h
  • Días 18, 20 e 21, de 11.00 a 13.00 h
  • A partir do día 22 as visitas realizaranse previa reserva en carballo.gal (axenda)

Entre os edificios que integran a exposición de Martín Garrido figuran todos os bloques de vivendas sociais construídos en Carballo entre os anos 1950 e 1970, as casas baratas, que tamén van ser protagonistas das II Xornadas Carballo na Memoria. O xoves 18 reuniremos nas Escolas do Xardín Agra de Caldas á estudante Aldara García Vecino, vinculada familiarmente ao noso concello, e a Mónica Mesejo Conde, profesora na Escola de Arquitectura, para presentar un excelente traballo sobre as casas baratas.

No seu TFG, Vivenda social en Carballo 1950-1970: as casas baratas, Aldara García Vecino realizou unha investigación en profundidade que se plasma nun documento de gran valor histórico, social e arquitectónico, polo que queremos achegalo a toda a veciñanza. Para introducirnos no tema, e como presentador-moderador do relatorio, que comezará ás 18.00 horas, contaremos co historiador Hadrián García.

Posteriormente poderemos visitar as casas baratas, pero tamén outros edificios singulares da vila, nun percorrido guiado por Xaime Díaz Alonso, autor do libro Carballo. Guía ilustrada de arquitectura.

Unha semana máis tarde, o xoves 25, retomaremos o traballo de recuperación da microtoponimia con outras dúas actividades. Ás 18.00 horas poderemos escoitar nas Escolas do Xardín Agra de Caldas á escritora Marilar Aleixandre falando sobre Os nomes do pequeno: microtoponimia da Costa da Morte na literatura, nun acto presentado por Sonia Gómez Castro.

Ao igual que a semana anterior, o relatorio concluirá cunha visita pola microtoponimia carballesa guiada por Fernando Cabeza Quiles, escritor, filólogo e experto en toponimia.

As II Xornadas Carballo na Memoria rematarán o 2 de outubro con outra proposta interesantísima. Esta última xornada centrarase no termalismo e nos Baños Vellos, dos que falarán Luis Alonso Álvarez, profesor da UDC e investigador; Xan M. Fraga, historiador, e Olga Seoane Sánchez, médica do Balneario de Carballo, que estarán acompañados como presentador e moderador por Luis Giadás Álvarez.

A participación está aberta a toda a cidadanía. As actividades serán de acceso libre.