O 17 de maio, Día das Letras Galegas, tamén é o Día do Pequebasket. A Escola Basket Xiria escolleu o Museo de Bergantiños para a presentación da 11ª edición da gran festa do baloncesto, a diversión e a convivencia para os nenos e nenas de cinco a oito anos, que está plenamente consolidada.
Xunto ao presidente do club, Primitivo X. Reguera, e ao director deportivo, Arturo Ferraces, na presentación participaron o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; o xefe do servizo provincial da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Neste 11º Día do Pequebasket participarán 475 nenos e nenas. En total, 44 equipos de 25 clubs.
Primitivo X. Reguera agradeceu á Concellería de Deportes e ó Concello de Carballo a súa implicación nun proxecto único en Galicia, que leva o nome do club e do noso concello por toda Galicia, traspasando fronteiras e sendo un referente en gran parte do estado. Tamén agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia.
Arturo Ferraces comezou destacando a boa previsión meteorolóxica, que semella que vai rachar con varias edicións de choiva, e incidiu no carácter familiar do evento, coa conseguinte repercusión, tamén, na economía local. Así mesmo, apuntou que, tras once edicións, o Día do Pequebasket é un referente, que incluso pode presumir que algúns nenos e nenas que participaron no seu momento coma xogadores, regresan agora coma adestradores/as dos seus equipos.
Roberto García agradeceu o convite e amosou a súa satisfacción por volver a Carballo, un concello do que destacou a colaboración na promoción do deporte, e puso o acento nas idades dos participantes e na importancia de traballar polo deporte de base a través de programas coma Xogade.
O alcalde, pola súa banda, destacou que o Día do Pequebasket xunta nun mesmo acto “ocio, deporte, cultura e turismo”, unha unión que fai único este evento e marca a diferencia de outros. Destacou o gran traballo de Basket Xiria para atraer es 17 de maio a Carballo case 500 deportistas, que virán a xogar ó baloncesto, facer deporte e desfrutar dun día inesquecible.