Un total de 109 persoas, a capacidade máxima do auditorio do Fórum Carballo, participan na terceira edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da UDC e dirixido a persoas maiores de 50 anos.
A iniciativa desenvólvese ao longo dos meses de outubro e novembro. No primeiro módulo, centrado nas humanidades e as ciencias sociais, participaron as profesoras Victoria de León Sanjuán, que falou sobre A dirección artística no cine, e Elena Martín Cancela, sobre Literaturas do mundo: unha viaxe á orixe dos libros, e o profesor Manuel Gómez Suárez, co relatorio A xestión do común: unha visión desde a economía e os comics.
Hoxe arrinca o segundo módulo, sobre ciencias da terra e tecnoloxía, co seguinte programa:
- 28 de outubro: (Bio)invasións en Galicia: mecanismo, impacto e xestión, co profesor Sergio
Rodríguez Roiloa. - 29 de outubro: ADN antigo e evolución humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos
xenes, coa profesora Gloria Mª González Fortes. - 4 de novembro: Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas, co profesor Álvaro Michelena Grandío.
O Programa de Democratización do Coñecemento foi inaugurado pola directora da Universidade Sénior, Matilde García; a concelleira de Educación e Terceira Idade, Mar Eirís, e o alcalde, Daniel Pérez. Os tres coincidiron na importancia de levar a universidade máis alá dos campus e de achegar o coñecemento a territorios e persoas que en moitos casos non puideron acceder a unha formación universitaria. Tamén destacaron o excelente grao de colaboración entre a UDC e o Concello de Carballo, que se estende máis alá desta iniciativa.
O programa deste ano rematará en novembro co módulo dedicado ás ciencias da vida e da saúde, e unha excursión final.
- 11 de novembro: O cambio climático: causas e consecuencias, co profesor Salvador Fojón Polanco.
- 12 de novembro: Enfermidades cardiovasculares e diabetes, co profesor Luis Saleta Canosa.
- 18 de novembro: Boas prácticas para o coidado do benestar psicolóxico, co profesor Carlos Freire
Rodríguez. - 26 de novembro: Clausura e xornada cultural na Coruña
