ADSCRICIÓN DO CIRCUÍTO DE MOTOR DE BÉRTOA AO PADROADO
Venres 26 de marzo do 2010
A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, que ten lugar o luns 29 a partires das 20.30 horas, estará centrada na súa maior parte en asuntos relacionados co Padroado Deportivo Municipal, que na última xuntanza do seu Consello Reitor ten acordado varias medidas. Entre elas, destaca a nova Normativa de uso das instalacións deportivas e das escolas deportivas municipais por parte das entidades e clubs deportivos ou a modificación da Ordenanza número 22 dos prezos públicos das instalacións deportivas. Tamén hai que subliñar a adscrición ao Inventario Municipal do Circuíto de Motocross de Bértoa, que pasará a formar parte dos bens do Padroado Deportivo Municipal. Cunha superficie de 57.000 metros cadrados útiles, dende a súa recuperación está sendo amplamente empregado polos afeccionados e afeccionadas do motor do municipio e da comarca. No apartado deportivo, hai que mencionar, así mesmo, a aprobación da Relación de Postos de Traballo do Padroado.
ENTRE O 11 DE ABRIL E O 13 DE XUÑO
Venres 26 de marzo do 2010
A Asociación Senda Nova organiza, co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do grupo municipal de Protección Civil, o programa 'Primavera en ruta por Bergantiños', unha actividade que xorde coa vontade de por en valor o patrimonio ambiental, paisaxístico, histórico e cultural de Carballo e doutros puntos da comarca. Segundo José Manuel Menéndez, de Senda Nova, estas rutas levan detrás un traballo en prol da recuperación de corredoiras, monumentos megalíticos e espazos naturais que pretende descubrilas ao público "nunha época na que xa apetece saír a camiñar". As rutas transcorren por un total de 7 concellos e arredor de 20 parroquias e desenvólvense nas fins de semana entre o 11 de abril o 13 de xuño. A inscrición ten un prezo simbólico de 3 euros e as saídas de cada ruta serán dende o Pazo da Cultura ás 9.30 horas.
VENRES 26 E DOMINGO 28 DE MARZO
Xoves 25 de marzo do 2010
Esta próxima fin de semana continúa o programa dos Venres Culturais 2010 con teatro e monicreques nunha oferta tanto para público adulto como infantil. O venres 26 de marzo a compañía ourensá Sarabela Teatro presenta 'A Esmorga', baseada na novela escrita por Eduardo Blanco Amor, publicada hai cincuenta anos e considerada unha obra cume da narrativa galega. A cita é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O domingo 28 de marzo segue, en cambio, a programación 'En Familia' coa compañía Títeres Trompicallo e o seu espectáculo 'Violeta Coletas contra as salchichas gulp!', que está dirixido ao público familiar. Neste caso, a cita é ás 18.00 horas, tamén no auditorio. O prezo da entrada para a función de Sarabela Teatro é de 5 euros e 3,5 o prezo reducido. O prezo das entradas para os monicreques é de 2,50 euros, co prezo ordinario, e de 2 euros co prezo con desconto.
CAMPAÑA MUNDIAL 'A HORA DO PLANETA'
Martes 23 de marzo do 2010
O Concello de Carballo vén de adherirse á campaña 'A hora do planeta', promovida por WWF/Adena, unha entidade creada en 1968 que traballa a prol da conservación da natureza. Esta iniciativa xorde como unha das maiores chamadas á acción cidadá organizada até o momento, e ten o obxectivo de demostrar que a actuación conxunta dos cidadáns de todo o mundo pode server para ofrecer alternativas ao cambio climático. 'A hora do planeta' de WWF pretende implicar a máis de mil millóns de persoas e movilizar a 6.000 cidades en todo o mundo. A cita é o sábado 27 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, cando se apagarán as luces de monumentos, rúas, empresas e fogares por todo o planeta para tratar de concienciar sobre a conservación do medio ambiente. No caso de Carballo, está previsto apagar o alumeado público do entorno da Praza do Concello e anímase aos veciños e veciñas a que colaboren dende as súas vivendas.
A DEPUTACIÓN COLABORARÁ COA CREACIÓN DO NOVO CENTRO DE DÍA
Luns 22 de marzo do 2010
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a intención do Concello de manter novos contactos coa Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta para tentar axilizar a aprobación dunha modificación puntual do PXOM que cambia a cualificación do chan no entorno das instalacións de Aspaber (Asociación Comarcal de Pais de Diminuídos Psíquicos de Bergantiños) para permitir a súa ampliación, coa creación dunha nova residencia e centro de día. Así transcendeu na xuntanza celebrada hoxe no centro da Brea, na que tamén estiveron o Presidente de Aspaber, Francisco Costa; a directora da entidade, Dolores Fernández; a Concelleira de Benestar, Dores Silveira; e o Deputado provincial, Xan Sande. Este último manifestou, á súa vez, a vontade do organismo provincial de contribuír ao financiamento das novas instalacións cunha achega cuxo importe haberá que concretar no futuro.
O DOMINGO 21 DE MARZO ÁS 12.00 HORAS
Xoves 18 de marzo do 2010
A Asociación Ambiental Senda Nova, en colaboración co Concello de Carballo, a Asociación de Veciños Fontesalgueira de Vilela (Entrecruces) e a Anpa 'A Granxa' do CEIP Bergantiños, propón a súa particular homenaxe á arbore o domingo 21 de marzo, declarado Día Mundial Forestal. Está previsto un acto que terá lugar o día de entrada da primavera, ás 12.00 horas nun entorno tan emblemático e privilexiado como o da Férveda de Entrecruces. Alí, coa colaboración dos alumnos do CEIP Bergantiños, plantaranse acivros cedidos pola Asociación Fontesalgueira, así como carballos e loureiros adquiridos coa colaboración da Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Carballo, creándose un conxunto dun total de 15 árbores. Darase lectura a un manifesto en defensa dos nosos árbores e rematará a actividade cunha visita interpretativa a todo o entorno da Férveda.
XUNTANZA DO CONSELLO REITOR DO PADROADO DEPORTIVO MUNICIPAL
Xoves 18 de marzo do 2010
O Consello Reitor do Padroado Deportivo Municipal mantivo o mércores 17 de marzo unha xuntanza na que se delimitaron as directrices de actuación do organismo para os próximos anos, ademais de ofrecerse datos sobre a evolución económica e de abonados das instalacións deportivas de Carballo. As cifras indican que o Padroado conta a día de hoxe con 1.354 abonos (entre fichas familiares e individuais) e 2.562 abonados. Neste último caso houbo un incremento respecto a marzo de 2009 de 914 persoas, cunha suba dun 36 por cento. A reunión tamén serviu para aprobar un novo regulamento de uso das instalacións deportivas municipais para clubs, usuarios e público; para sacar adiante a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Padroado; ou para aprobar unha modificación da Ordenanza de Prezos Públicos das Instalacións Deportivas, que mantén o prezo dos abonos actuais, pero engade posibilidades como o aluguer dos campos de fútbol municipais.
VENRES 19 E SÁBADO 20 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS
Mércores 17 de marzo do 2010
A Aula Municipal de Teatro afeccionado de Carballo actúa por primeira vez diante do público levando ao escenario 'A ruleta rusa'. O texto está baseado en catro pezas breves do autor ruso Anton Chéjov tituladas 'Fin de mes', 'Petición de man', 'O oso' e 'Unha criatura indefensa'. O humor é un dos ingredientes básicos desta representación, que está adaptada e dirixida por Artur Trillo e na que participan ata 18 integrantes da Aula de Teatro, que comezou a súa andaina no ano 2009. A duración prevista do espectáculo é de 90 minutos e a entrada é de balde. Os interesados e interesadas poden recoller as invitacións nas Oficinas de Cultura en horario de de 11.00 a 14.00 horas, ou ben na Taquilla o mesmo día da función. As citas, o venres 19 e o sábado 20 de marzo a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.
HAI CINCO FERIDOS MENOS QUE EN XANEIRO
Martes 16 de marzo do 2010
O informe mensual da Policía Local carballesa indica que en febreiro de 2010 téñense rexistrado un total de 13 accidentes de tráfico -dous menos que en xaneiro deste mesmo ano-, mentres que o número de feridos ten baixado de 7 a 2 respecto do mes anterior. Hai que destacar que ningún dos lesionados é un peón. Pola contra, as forzas de seguridade detectaron 11 delictos contra a seguridade viaria, con 8 alcoholemias positivas -o dobre que no mes de xaneiro. Ademais, foron atopadas un total de tres persoas conducindo sen carné. Seguindo co apartado de tráfico, hai que subliñar, así mesmo, que se ten reducido case á metade o número de multas tramitadas polo Concello, pasándose de 274 en xaneiro a 184 en febreiro, incluíndo as tramitadas pola Xefatura Provincial de Tráfico. A grúa, por outra banda, ten retirado 4 vehículos menos que en xaneiro, con 12.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 15 de marzo do 2010
A Xunta de Goberno Local vén de sacar hoxe adiante a adxudicación definitiva do proxecto de 'Execución da remodelación do Mercado Municipal'. A proposta de adxudicación provisional tivo lugar durante unha xuntanza da mesa de contratación realizada hai case un mes, o pasado 17 de febreiro, e recaeu na empresa carballesa Decoraciones J. Bello. A oferta supón unha baixa dun 23 por cento sobre o prezo de adxudicación, polo que se pasa dun orzamento de 2.443.436,78 euros a un de 1.881.446,32 euros. O prazo previsto para o desenvolvemento dos traballos tamén ten sufrido unha notable redución, pasándose de 16 a 10 meses. Así mesmo, Decoraciones J. Bello ofrece melloras adicionais na súa proposta, sen custe algún, por un importe de 265.042,6 euros. A adxudicación definitiva na Xunta de Goberno axiliza tamén o prazo para o inicio das obras, que está previsto que comecen a principios de abril.
NO PAZO DA CULTURA ATÉ O 11 DE ABRIL
Venres 12 de marzo do 2010
O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala da Baixocuberta do Pazo da Cultura (terceiro andar) a Exposición do XII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por un total de 93 obras das 196 fotografías que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección atópanse as catro imaxes gañadoras: a que quedou en primeiro posto é 'Toda unha vida', premiada con 700 euros e realizada polo fotógrafo Marcos Rodríguez. O segundo premio, dotado con 450 euros, recaeu na fotografía 'Explosión de cor', presentada por Antonio Iglesias Núñez. O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio e dotado con 450 euros, recaeu na fotografía 'A ponte', presentada por José López Pérez. Por último, o xurado decidiu conceder un Accésit de 250 euros á fotografía 'La ventana', de Ángel Pérez de León. Esta edición ten rexistrado un total de 76 autores participantes.
O CONCELLO CONMEMOROU O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Xoves 11 de marzo do 2010
Un total de 45 persoas, a maioría mulleres, con 38 participantes, están inscritas no Banco do Tempo de Carballo. Esta iniciativa, que dou os primeiros pasos en decembro de 2008 coa sinatura dun convenio entre o Concello e a Asociación Mulleralia, e que está funcionando dende hai poucos meses no Museo de Bergantiños, pretende impulsar e favorecer os intercambios de tempo entre as persoas, apoiando a cooperación informal entre particulares para o desenvolvemento de diversas actividades. Deste xeito, alguén pode ofrecer gratuitamente traslados en coche a cambio de clases de cociña, por exemplo. Ademais, os Bancos do Tempo tamén contribúen á conciliación da vida laboral e familiar, e, no caso de Carballo, o Banco tamén pretende potenciar o II Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello. Os interesados e interesadas en obter máis información poden chamar ao teléfono 622 566 228. O horario de atención das oficinas é de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas.