Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Atlético de Madrid resulta gañador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

VENCERON NA FINAL AO BARCELONA

O Atlético de Madrid resulta gañador do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo

Luns 28 de xuño do 2010

O Atlético de Madrid proclamouse campión do VI Torneo de Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, II Memorial José Luis Vara Olveira, que se disputou durante toda a fin de semana no complexo deportivo das Eiroas. Os madrileños impuxéronse na final, celebrada o domingo 27 de xuño, aos favoritos que viñan de gañar o torneo de Brunete, o FC Barcelona, cun tanteo de 3-1. O Atlético de Madrid pecha a competición sen ter coñecido a derrota, nunha participación impecable con tan só un empate na liguilla inicial contra o Barça ao que acabaría derrotando na final. Os culés leváronse a distinción de contar co mellor xogador do torneo, Carles Aleña, un centrocampista que leva xa cinco anos nas escolas do conxunto catalán e que tamén fixo valer a súa condición de promesa na última edición do torneo de Brunete, no que resultou, así mesmo, elixido como mellor xogador. Hai que subliñar a meritoria actuación das Escolas Luís Calvo, que remataron o campionato na cuarta praza.

Tamara, o 'Baile de Ardebullo' e a Festa do Bosque centran as actividades da Semana Grande do San Xoán

DO 23 AO 27 DE XUÑO

Tamara, o 'Baile de Ardebullo' e a Festa do Bosque centran as actividades da Semana Grande do San Xoán

Mércores 23 de xuño do 2010

A coñecida cantante Tamara, as Cantareiras de Ardebullo co seu baile e a Festa do Bosque son os actos centrais dunha Semana Grande do San Xoán na que non faltan o tradicional Concurso de Cachelas -con 13 participantes- e o Descenso do Anllóns ou citas deportivas como o Torneo Internacional de Fútbol 7 ou a Carreira Ciclista, entre outras. Despois das verbenas e cachelas dos días 23 e 24, o venres 25 é a actuación de Tamara, que presenta o seu último traballo 'Amores', con 12 cancións compostas polos mellores autores de España e Latinoamérica. É o oitavo disco desta artista sevillana que comezou nun popular concurso de televisión presentado por Bertín Osborne. Dende entón a súa traxectoria non ten parado de medrar, pasando de ser coñecida en Latinoamérica como "a nena prodixio do bolero" a consolidar a súa carreira con temas como "Si nos dejan" ou versionando artistas da calidade de Roberto Carlos con cancións como "El gato que está triste y azul". Na súa única data até o momento en Galicia, a cantante dará o mellor de sí: na Praza do Concello a partires das 00.00 horas.

O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o Atlético de Madrid ou o Hoffenfeim alemán danse cita no VI Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo

VENRES 25, SÁBADO 26 E DOMINGO 27 DE XUÑO

O Barcelona, o Deportivo, o Celta, o Atlético de Madrid ou o Hoffenfeim alemán danse cita no VI Torneo Fútbol 7 Concello de Carballo

Mércores 23 de xuño do 2010

O VI Torneo Fútbol 7 Alevín Concello de Carballo, en homenaxe por segundo ano consecutivo a José Luis Vara Olveira, acolle aos mellores conxuntos do panorama nacional e internacional, coa presenza das categorías de fútbol base de equipos como o Fútbol Club Barcelona, o Real Club Deportivo da Coruña, o Real Club Celta de Vigo, o Atlético de Madrid o Groningem holandés ou o Hoffenheim alemán, xuntando entre 140 e 150 rapaces. Todos eles mediranse ao equipo que venciu a fase previa, o Montañeros, e ás Escolas de Fútbol Luís Calvo, na fase final que se desenvolve o venres 25, o sábado 26 e o domingo 27 de xuño, cando se disputa a gran final no Complexo das Eiroas. Este ano, a cita conta ademais co xogador do Real Club Deportivo Iván Pérez como padriño, non só pola súa relación persoal con José Luis Vara, senón porque tamén comezou como alevín defendendo a camiseta do Compostela no Torneo de Brunete. Na presentación, Pérez subliñou a "alegría e motivación" que debe supoñer para os equipos da comarca ter un torneo desta importancia a nivel nacional e internacional.

Aprobada a ocupación de terreos para prolongar a rúa Bos Aires da capital municipal

ADXUDICACIÓN PROVISIONAL DO SUBMINISTRO DE ENERXÍA ELÉCTRICA

Aprobada a ocupación de terreos para prolongar a rúa Bos Aires da capital municipal

Martes 22 de xuño do 2010

A Xunta de Goberno vén de aprobar na sesión ordinaria celebrada o luns 21 de xuño ás 13.00 horas a ocupación directa dos terreos necesarios para a apertura da prolongación da rúa Bos Aires (na imaxe), para conectar esta vía coa avenida de Ponte da Pedra. A resolución afecta a unha superficie de 21,5 metros cadrados situados no polígono 28 da capital municipal. O obxectivo desta actuación é crear unha vía paralela á rúa Perú para permitir alixeirar o tráfico rodado nesa vía. Así mesmo, deste xeito compleméntanse os traballos de urbanización dos polígonos 26 e 27. Os primeiros xa están rematados e os segundos aínda se están desenvolvendo e supoñen a urbanización dun importante tramo da rúa Perú así como a dotación de servizos para as rúas Chile, Bos Aires e Pontevedra. Coa apertura da rúa Bos Aires crearase unha vía que conectará a rúa Poñente da travesía de Malpica coa avenida de Ponte da Pedra.

O balance mensual da Policía Local indica que en maio teñen descendido os feridos en accidentes de circulación

NO 2010 TÉÑENSE REXISTRADO 82 ACCIDENTES, 16 CON FERIDOS

O balance mensual da Policía Local indica que en maio teñen descendido os feridos en accidentes de circulación

Martes 22 de xuño do 2010

O informe mensual da Policía Local carballesa indica que ao longo do mes de maio téñense reducido notablemente os feridos en accidentes de circulación, pasándose de 12 en abril a 4 na pasada mensualidade, sendo un deles un peón. A media de feridos dende que comezou 2010 nas vías carballesas é de 6 por mes, mentres que o número global de accidentes de tráfico rexistrados é de 82. Respecto dos delictos contra a seguridade do tráfico, en maio producíronse 6 alcolemias positivas, cun total de 25 nos primeiros cinco meses do ano. Así mesmo, no que vai de 2010 téñense rexistrado 65 delictos relacionados con furtos, danos e outros, sendo as incidencias no mes de maio un total de 13. Desta cantidade, seis refírense a roubos con forza e un trátase dun furto, mentres que tamén se rexistrou un tirón. Así mesmo, o informe de maio de Protección Civil apunta que teñen realizado un total de 147 intervencións no municipio, con 26 emerxencias.

O Concello invita aos mozos e mozas a inscribirse na iniciativa 'Participando: os concellos e a mocidade'

DESTINADA A PERSOAS ENTRE 18 E 30 ANOS

O Concello invita aos mozos e mozas a inscribirse na iniciativa 'Participando: os concellos e a mocidade'

Martes 22 de xuño do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Xuventude que dirixe Marcos Trigo, forma parte do proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', unha iniciativa cofinanciada polo programa Mocidade en acción que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, favorecendo a creación dun espírito de corresponsabilidade e a colaboración entre a xente nova e os responsables políticos. O proxecto reunirá a 24 mozos e mozas de Carballo e de Turín e Tortona (Piamonte-Italia) de entre 18 e 30 anos para reflexionar en conxunto sobre a importancia da participación a nivel local como unha ferramenta para o fortalecemento da democracia europea. Os participantes desenvolverán diversas actividades, entre as que destaca a celebración dun obradoiro en Carballo que incluirá encontros cos órganos municipais e entrevistas con políticos e asociacións locais. Os interesados e interesadas en anotarse poden obter máis información na Concellaría de Xuventude no teléfono 981 704 700 ou no correo <xuventude@carballo.org>.

A exposición Formas-Carballo homenaxea a Luis Seoane a través da obra de 13 artistas locais

ATÉ O 31 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA

A exposición Formas-Carballo homenaxea a Luis Seoane a través da obra de 13 artistas locais

Luns 21 de xuño do 2010

Un total de 13 artistas carballeses e da comarca de Bergantiños participan na exposición Formas-Carballo, unha homenaxe a Luis Seoane, "un dos artistas plásticos galegos máis influíntes e importantes de todos os tempos', en verbas de Mon Lendoiro, un dos integrantes da mostra xunto con Milagros Cotelo Rama, Lola Oviedo, Emilia Rodríguez de las Heras, Mª José Costa 'Chiña', Miguel Anxo Calvo 'O'Mighelo', Fernando Mourón Bouzas, Marilá Gómez Caamaño, Santi Picos, Antonio Taracido, Jacobo Veiga García, Vicky Vilariño e Cristina Castro Santiago. Trátase da terceira ocasión en que as Festas de San Xoán acollen unha mostra creativa de creadores de Carballo e Bergantiños co obxectivo de "fomentar a creación artística" e de que os artistas podan presentar os seus traballos, segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Os interesados e interesadas en visitar a exposición poden facelo até o 31 de xullo no terceiro andar (sala da baixocuberta) do Pazo da Cultura en horario de 17.30 a 20.30 horas.

Máis de 200 deportistas participan no IV Torneo Escola Lubiáns de Hóckey Concello de Carballo

O VENRES 18 E O SÁBADO 19 DE XUÑO

Máis de 200 deportistas participan no IV Torneo Escola Lubiáns de Hóckey Concello de Carballo

Mércores 16 de xuño do 2010

Máis de 200 deportistas participan no IV Torneo Escola Lubiáns de Hóckey a patíns Concello de Carballo que se celebra o venres 18 e o sábado 19 de xuño no Pavillón Carballo Calero (Zona Bergantiños) da capital municipal. A cita conta con catro categorías: Escola de patinaxe, Prebenxamín, Benxamín e Sénior, disputándose dúas liguillas diferentes, A e B, no caso de Prebenxamín. O presidente de Escola Lubiáns, Fernando Fidalgo, explica que se trata dun torneo esencialmente de "nivel autonómico", que conta coa presenza de todos os grandes clubs galegos, tan só coa ausencia dos equipos de Vigo. A organización tamén subliña a incidencia na crise nesta cita, que, a pesares diso, espera non baixar o nivel e manter a arela de poder "facer algo máis grande o ano que vén". Cada rapaz ou rapaza participante na cita recibe unha bolsa con agasallos, ademais dunha medalla e un trofeo para os vencedores.

O Circuíto de Motor de Carballo acolle a terceira proba do Campionato Galego de Quadcross

DOMINGO 20 DE XUÑO A PARTIRES DAS 11.00 HORAS

O Circuíto de Motor de Carballo acolle a terceira proba do Campionato Galego de Quadcross

Mércores 16 de xuño do 2010

O domingo 20 de xuño o Circuíto de Motor de Bértoa acolle a terceira proba do Campionato Galego de Quadcross, que constitúe tamén a terceira proba nesta modalidade que se celebra no circuíto carballés dende a súa reapertura, e xa se están ultimando os detalles para que se celebre unha cuarta proba, neste caso de enduro. Até o momento a escudaría organizadora, Ecoquad Galicia, explica que se teñen inscrito preto de 30 pilotos, unha media por debaixo da cifra que se acadou na recente proba do Campionato de España, con 90 inscricións, pero en todo caso dentro das previsións, especialmente, como apuntan dende a organización, pola crise. A cita, que conta coa colaboración do Concello, principia ás 9.30 horas coas primeiras verificacións técnicas, aínda que os adestramentos libres non serán até as 11.00 horas. Xa pola tarde, a partires das 16.00 horas, comezarán a disputarse as mangas, coa entrega de premios prevista para as 20.00 horas. Os interesados e interesadas poden obter máis información na páxina web de Ecoquad Galicia.

Arrinca un Curso de Panadería-Bolería da Rede Xiana que formará a 18 mulleres desempregadas

DURANTE O SEGUNDO SEMESTRE NA PARROQUIA DA BREA

Arrinca un Curso de Panadería-Bolería da Rede Xiana que formará a 18 mulleres desempregadas

Luns 14 de xuño do 2010

De aquí a final de ano o Pazo da Cultura e a parroquia da Brea serán o escenario onde se impartirá un Curso de Panadería-Bolería que servirá para formar a 18 alumnas desempregadas da Comarca de Bergantiños e Arteixo pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego. Este curso enmárcase no proxecto Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) promovido pola Deputación da Coruña e enmarcado nas Axudas do Fondo Social Europeo durante o período de intervención 2007-2013 a través do Ministerio de Administracións Públicas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Formación, María Manso, presentes da apertura do curso xunto cunha técnica da Deputación, subliñaron a tradición panadeira de Carballo, "que hai que desexar que se mellore e perpetúe" mantendo "a sona de bo pan", en verbas do Alcalde.

Marica Campo recolleu na Alcaldía o VI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores

O ARTIGO PUBLÍCASE A PARTIR DO SÁBADO 12 DE XUÑO

Marica Campo recolleu na Alcaldía o VI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores

Venres 11 de xuño do 2010

O xurado do VI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores decidiu concederlle o premio, dotado con 1.200 euros e a publicación en once medios de comunicación galegos ao artigo titulado "A procura do tesouro", de Marica Campo. A galardoada, que vén de recibir hoxe a distinción de mans do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e baixo a mirada da Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, subliñou a "satisfacción" de ter gañado este premio, "moi consolidado e prestixiado por quen o gañaron antes". Campo, mestra e autora de narrativa, poesía e teatro, ademais de escribir habitualmente en El Progreso de Lugo e A nosa terra, explica que no seu texto quixo "conxugar as razóns do corazón e as razóns prácticas" para constatar que "o tesouro é a lingua galega, na que se apoian plantas invasoras que non deixan que xermole convenientemente", denunciando as "aldraxes para a nosa lingua". O artigo será publicado a partires do sábado 12 de xuño nos once medios locais e de toda Galicia que colaboran na iniciativa.

As infraccións penais e os delictos e faltas rexistrados no termo municipal descenderon durante o ano 2009

XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE

As infraccións penais e os delictos e faltas rexistrados no termo municipal descenderon durante o ano 2009

Venres 11 de xuño do 2010

A Garda Civil de Carballo vén de informar na reunión da Xunta Local de Seguridade do Concello de Carballo dun descenso dos delictos e faltas e das infraccións penais no municipio ao longo do ano 2009. Así mesmo, e no apartado de Tráfico, experimentouse unha baixada no número de feridos graves e leves, así como no número de accidentes rexistrados respecto do ano anterior. Outra das conclusións derivadas da xuntanza, é que en Carballo non existen puntos negros nas estradas locais, mentres que a grande maioría dos problemas rexístranse na estrada comarcal AC-552. Este punto é, así mesmo, o lugar onde a Garda Civil de Tráfico realiza máis controis e desenvolve máis tarefas de vixilancia. Noutro dos asuntos tratados durante a reunión, que se desenvolveu na Sala de Xuntas do Concello a partir das 12.30 horas, informouse de que ao longo de 2009 téñense tramitado un total de 51 expedientes en locais de hostalería por exceder o horario de peche estipulado.

Compartir: