Carballo conmemora o 50º aniversario da casa do concello cun evento multitudinario
O salón de sesións quedou pequeno durante a celebración do emotivo e entrañable acto, que reuniu á historia viva do noso concello
Domingo 17 de novembro do 2024 Participación veciñal
O salón de plenos quedou pequeno para conmemorar o 50º aniversario da casa do concello de Carballo, un emotivo e entrañable acto organizado pola Concellaría de Participación Veciñal no que viaxamos no tempo grazas ás testemuñas de persoas que viviron aqueles momentos e no que, sobre todo, quixemos convidar á veciñanza a seguir traballando en conxunto por un Carballo cada día mellor.
O evento celebrouse o 15 de novembro no salón de sesións, coa presenza da corporación municipal, traballadores/as e veciños/as. Como símbolo do profundo cambio experimentado nestes cincuenta anos pola administración a todos os niveis, e especialmente no eido tecnolóxico, ese mesmo día estreouse o sistema de vídeo actas para os plenos, que tamén permite a gravación e retransmisión en directo, e grazas ao cal podedes ver máis abaixo o vídeo do acto completo.
O concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, foi o encargado de abrir o acto, xunto cos únicos funcionarios que viviron o traslado do antigo edificio ao actual, Sofía Pérez Alonso, que formou parte do persoal do Concello de Carballo ata a súa xubilación, e José María Ameijenda Cuns, que era interventor municipal naquela época e que se xubilou no 2015 como interventor xeral do Parlamento de Galicia.
A intervención central correrá a cargo de José Manuel Rey Pichel, arquitecto carballés que deseñou a casa do concello, que foi decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, profesor da Escola de Arquitectura, concelleiro na Coruña, director técnico do solo do IGVS, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, entre outros cargos, e que relatará de primeira man o proceso que culminou coa construción do edificio.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechará os relatorios, e o acto, no que tamén participou o ex alcalde Manuel Varela Rey, rematou coa actuación da Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo e uns petiscos para as persoas asistentes.
Desde ese día pode verse nas oficinas xerais, situadas no primeiro andar do edificio, un panel expositivo sobre a historia do edificio, inaugurado o 2 de febreiro de 1974 nun acto, tamén, multitudinario. O edificio, que foi testemuña das últimas rabexadas do franquismo, da Transición e de toda a nosa historia democrática, é hoxe o símbolo do que nos une como pobo.