Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto do...

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto do Centro Social de Goiáns e inicia o procedemento de contratación

A primeira fase da obra sairá a licitación en breve por 354.956,95 euros

Luns 23 de maio do 2022

Recreación do edificio

Recreación do edificio

A rede de centros sociais do Concello de Carballo ampliarase e completarase a curto prazo coa construción do centro social de Goiáns. O proxecto, que ten un orzamento de 451.879,40 euros, foi aprobado este luns pola Xunta de Goberno Local, que ademais acordou a posta en marcha o procedemento de contratación da primeira fase das obras por 354.956,95 euros. Deste xeito, nos vindeiros días abrirase o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Recreación do edificio

Recreación do edificio

Os autores do proxecto, Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano, do estudo Fernández Carballada e Asociados, destacan o “encrave privilexiado” da parcela na que se situará o centro social. “Entre unha gran explanada e masa arbórea no seu lado suroeste, o edificio é visible dende todos os camiños que o rodean”, sinalan, e para aproveitar esas especiais características optaron por un inmoble “con cinco fachadas igual de representativas e sen priorizar ningunha das súas orientacións. Así, aínda sendo un edificio de pequena escala, convértese nun fito dentro da súa contorna”, explican.

O Centro Social de Goiáns formará parte da paisaxe do mesmo xeito que a paisaxe se converte nun elemento máis de deseño do edificio. Terá unha planta única, central e cadrada, de 21x21 metros, e esa peza central fragméntase en rectángulos de distintos tamaños e proporcións que dan solución ao programa de necesidades presentado. Cada volume contará con cuberta a dúas augas para que visto dende a distancia semelle unha aldea tradicional, pero tamén se introducen elementos contemporáneos mediante a utilización do material e a cor escollidos para as fachadas.

O edificio, de planta baixa, ocupará 341,62 metros cadrados, incluídos 51,73 correspondentes aos patios descubertos. Os restantes repártense entre o vestíbulo, iluminado por un gran lucernario circular cenital, dende o cal se accede ao resto das estancias: auditorio con capacidade para 36 persoas que pode duplicar esa capacidade abríndose ao soportal, escenario, sala multiusos, cuarto da limpeza, almacén, oficinas, arquivo, cociña e aseos, respondendo ás necesidades presentadas polo movemento asociativo da parroquia. O proxecto prevé tamén a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas existentes.

Compartir: