Inicio Carballo ao día Avisos O Concello de Carballo pon en marcha un novo...

O Concello de Carballo pon en marcha un novo sistema de pago de tributos para facilitar as xestións á cidadanía. Prazo aberto do 9 de maio ao 11 de xullo

Luns 9 de maio do 2022

Dende o 9 de maio ata o 11 de xullo está aberto o prazo de pago dos tributos correspondentes ao primeiro período voluntario do 2022: imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM), taxa polo servizo de recollida de lixo na modalidade de vivenda e taxa pola reserva de espazo para vaos. Este ano hai novidades, xa que, coa finalidade de facilitar as xestións á cidadanía, o Servizo de Xestión Tributaria vén de poñer en marcha un novo sistema que inclúe dous tipos de carta postal e diferentes modalidades de pago.

RECIBOS DOMICILIADOS

Este ano o Concello de Carballo pon ao cobro un total de 42.730 recibos, dos que están domiciliados o 35,5%.

En canto aos tipos de carta que van chegar aos domicilios, os titulares dos 8.948 recibos que están domiciliados recibirán a tradicional carta informativa na que figuran os conceptos e os importes das taxas e impostos, e na que tamén se lles comunica que os cargos nas contas bancarias realizaranse a partires do 10 de xuño.

As persoas que o desexen aínda están a tempo de domiciliar os seus recibos. Para iso deben dirixirse ás oficinas da Recadación Municipal, na rúa Camiño Novo número 7 (entreplanta galerías comerciais) antes do 6 de xuño.

RECIBOS NON DOMICILIADOS

Os cambios, polo tanto, afectan ás persoas que non teñen domiciliados os recibos. Neste caso, as 16.012 cartas enviadas non serán só informativas, senón que tamén serven como cartas de pago.

Fixádevos na parte inferior, onde pon “Exemplar para a Oficina de Recadación”, onde atoparedes o importe a pagar e un código de barras que podedes utilizar para pagar nas oficinas e nos caixeiros de Abanca e Caixabank, así coma a través da banca electrónica.

Entre as opcións dispoñibles tamén figura a transferencia bancaria ou ingreso na conta de Abanca ES55 2080 0019 5331 1000 0028.

Outra das novidades é a posibilidade de realizar o pago a través da pasarela de pagos da páxina web do Concellowww.carballo.gal. Neste caso debes seguir estes pasos: entrar no apartado Centro de Atención Cidadá > Sede Electrónica > Outros Servizos > Pago de tributos on-line.

Por suposto, os pagos tamén poden seguir realizándose presencialmente nas oficinas da Recadación Municipal nos seguintes horarios: 

  • Do 9 de maio ao 14 de xuño: de luns a xoves de 9 a 13.30 e de 16 a 18.30 horas, e os venres de 9 a 13.30 horas.
  • Do 15 de xuño ao 11 de xullo: de luns a venres, de 8 a 14 horas. 

+ INFORMACIÓN

Compartir: