Inicio Carballo ao día Novas A alcaldesa e o goberno do Concello do Rosal...

A alcaldesa e o goberno do Concello do Rosal visitan Carballo para interesarse por varias iniciativas locais

Ánxela Fernández Callís e seu equipo foron recibidos por Evencio Ferrero e celebraron unha reunión de traballo con varios membros do executivo carballés

Mércores 13 de outubro do 2021

Participantes na xuntanza

Participantes na xuntanza

Carballo é un concello de portas abertas, tamén para outras Administracións locais que se interesan pola xestión das áreas ou de distintos programas municipais. Igual que fixeron no seu momento Cedeira, Ponteareas ou Tomiño, hoxe achegáronse ata o noso concello representantes do goberno municipal do Rosal (Pontevedra), encabezados pola súa alcaldesa, a nacionalista Ánxela Fernández Callís, que foi recibida, xunto co seu equipo, por Evencio Ferrero.

Na axenda do goberno municipal do Rosal figuraban como principais asuntos os contratos reservados para centros especiais de emprego, nos que o Concello de Carballo ten ampla experiencia; os proxectos de arte urbana, que están a encher de cor a nosa vila con máis de 90 murais; iniciativas pioneiras como o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, e o proceso de transformación do espazo público mediante actuacións reurbanizadoras e de recuperación da rúa para a veciñanza no que Carballo tamén é unha referencia, como se vén de poñer de manifesto no Congreso Cidades que Camiñan.

Evencio Ferrero e Ánxela Fernández

Evencio Ferrero e Ánxela Fernández

A expedición do Rosal, integrada polos concelleiros e concelleiras responsables das distintas áreas implicadas nas cuestións de interese, chegou a Carballo pasadas as 10.30 horas. Despois da recepción na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos celebraron no salón de plenos unha xuntanza de traballo que se prolongou durante case tres horas. Na mesa sentáronse tamén os/as concelleiros/as Milagros Lantes, Marcos Trigo, Juan Seoane, Belen Lendoiro e Luis Lamas.

Compartir: