Inicio Carballo ao día Novas O proxecto Cicl-Ando Carballo vén reforzar...

O proxecto Cicl-Ando Carballo vén reforzar as accións para converter o noso concello nun lugar cada vez máis seguro e accesible

Unha ruta a pé e outra en bici permitirán coñecer, entre hoxe e mañá, as novas rutas ciclopeonís que comunican a zona urbana co polígono e con Razo

Venres 17 de setembro do 2021

A Semana Europea da Mobilidade arrincou o día 16, fiel ao calendario, coa presentación pública do proxecto Cicl-Ando Carballo na Praza do Concello, nun acto conducido pola actriz e presentadora Neves Rodríguez e no que reunimos ao concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; o ex ciclista profesional Ezequiel Mosquera, e á concelleira Milagros Lantes, que exerce esta semana como alcaldesa accidental.

Cicl-Ando Carballo é unha proposta coa que nos anticipamos á mobilidade que vén, xa que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas ciclopeonís, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible da que forman parte as actividades desta #SEM21. A Unión Europea financia o 80% do investimento que estamos a levar a cabo, e que supera os dous millóns de euros, e que pon de manifesto unha vez máis, como subliñou o concelleiro de Mobilidade, no acto de presentación, a capacidade dos servizos técnicos do Concello de Carballo para asumir grandes retos. De feito, a día de hoxe a maior parte das sendas están xa operativas, só pendentes da sinalización, e, nas que faltan, as obras avanzan a moi bo ritmo.

Para coñecelas mellor, entre hoxe e mañá realizaremos dúas actividades: unha ruta a pé, que sairá ás 19.00 horas de hoxe, aproveitando que para a tarde non se agardan choivas, e outra en bici, patrocinada por Vázquez y Reino, que nos levará mañá ata Razo para desfrutar dun paseo incrible por un itinerario totalmente novo, alternativo na súa maior parte ás vías asfaltadas. As dúas actividades terán un carácter solidario, xa que aproveitaremos para difundir o labor que está a levar a cabo a Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea para apoiar o proxecto Adianthe, do servizo de hematoloxía do CHUS, para a aplicación da intelixencia artificial ao cancro de médula.

Ademais de coñecer o programa da Semana da Mobilidade, o acto de presentación do proxecto Cicl-Ando Carballo permitiunos arrincar o compromiso de Ezequiel Mosquera de regresar ao noso concello para facer unha ruta en bici polas novas sendas, en especial pola de Razo, que “ten unha pintaza”, dixo.

Milagros Lantes aludiu á importancia da planificación urbanística, porque “a maneira de movernos está condicionada polo tipo de pobo que temos”. Por iso, destacou o traballo que se vén facendo nos últimos anos dende o Concello “para que Carballo sexa un lugar cada vez máis accesible, máis habitable e máis acolledor. Pero non priorizamos só a parte técnica, senón facer de Carballo un bo lugar para vivir, onde as persoas sexan o fundamental á marxe das circunstancias vitais de cada quen, e onde todas e todos poidamos desfrutar do espazo público”. A concelleira animou á cidadanía a desfrutar dese espazo non só durante a Semana da Mobilidade, senón todos os días do ano.

Vídeos

Compartir: