Inicio Carballo ao día Novas A extensión da rede de auga dende Lema ata...

A extensión da rede de auga dende Lema ata Pedra do Sal completa un investimento de 3,2 millóns de euros no abastecemento á costa

O goberno local pon en marcha o procedemento de contratación da obra, que garantirá o servizo a oito núcleos de poboación

Martes 3 de agosto do 2021

As obras estenderán a rede dende O Igrexario de Lema ata Pedra do Sal

As obras estenderán a rede dende O Igrexario de Lema ata Pedra do Sal

O Concello de Carballo puxo en marcha esta semana o procedemento de contratación da obra de extensión da rede de abastecemento de auga dende Lema ata Pedra do Sal. É o único proxecto que se levará a cabo con cargo aos fondos do programa provincial POS+ correspondentes a este ano, froito da decisión do goberno municipal de garantir neste mandato o subministro de auga á zona costeira.

A traída da Pedra do Sal, cun orzamento de 687.472,26 euros, completará un investimento que supera os 3,2 millóns de euros e que permitirá dotar de auga de calidade e en cantidade a todo o litoral. O proxecto arrincará no lugar do Igrexario, en Lema. A rede estenderase ao longo de 12.403 metros de tubaxes de distintos diámetros, dotando do servizo aos núcleos de Vilar de Peres, Constenla, Rebordelos e Sambade (parroquia de Rebordelos), Imende e Casadelas (Noicela), e Sambade e Pedra do Sal (Lema). En total, 419 habitantes, segundo os últimos datos oficiais do censo.

Plan director

O despregue da rede de abastecemento no noso concello segue as directrices do estudo director elaborado no ano 2009 co obxectivo de garantir o subministro aos núcleos de poboación de máis de 50 habitantes, renovar as tubaxes de fibrocemento existentes aínda en varias rúas urbanas e optimizar os sistemas de abastecemento para ofrecer a mellor garantía de subministro e calidade.

Dentro dese plan municipal estableceuse a zona costeira como prioritaria, tanto polos problemas de escaseza que se repiten cada verán coma polo incremento da poboación, e polo tanto da demanda, que se rexistra tamén nesta época do ano.

Como consecuencia desa política de actuación, no ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento dende o polígono de Bértoa ata Oza e Razo, financiada exclusivamente con fondos municipais con case 1,7 millóns de euros e que xa dá servizo aos habitantes de Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres, O Rodo (parroquia de Oza), e Vilar de Cidre, Nétoma, Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados (Razo).

Os veciños e veciñas de Centeás, A Chamusqueira, O Castrillón e O Igrexario de Lema xa poden tramitar as solicitudes de enganche á rede pública de auga

A continuación acometeuse a extensión da rede dende Razo ata Lema, que incluíu a instalación da rede principal, un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Castrillón e O Igrexario. As obras están rematadas, pendentes só da reposición das vías afectadas, e os veciños e veciñas que o desexen xa poden realizar as solicitudes de enganche.

Este verán comezarán, ademais, as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e O Outeiro (Lema), adxudicados á empresa local Vázquez y Reino, que tamén se encargou das actuacións anteriores.

O Concello de Carballo ten solicitado a axuda da Xunta de Galicia para completar o abastecemento de auga á zona costeira. Por parte da Administración autonómica comprometeuse un investimento de 15.000 euros para a redacción do proxecto que permitiría estender, dende a rede principal construída polo concello, os ramais cara os lugares das parroquias de Lema, Vilela, Noicela e Rebordelos máis afastados do conduto principal. O documento está en elaboración.

Compartir: