Inicio Carballo ao día Novas Presentadas máis de 600 solicitudes para a...

Presentadas máis de 600 solicitudes para a celebración de cachelas en todo o concello

Lembramos que están prohibidas en espazos públicos e que, nos espazos privados, os grupos de participantes non deben superar as 15 persoas

Mércores 23 de xuño do 2021

Aínda que non acadamos a cifra récord do ano pasado, ata última hora da xornada de onte recibíronse na Policía Local máis de 600 comunicacións previas para a celebración de cachelas en espazos privados e/ou para a instalación de barbacoas e similares na rúa.

Por segundo ano consecutivo, atendendo ás normas vixentes de prevención, contención e coordinación fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, está prohibida a celebración de cachelas en espazos públicos. Así mesmo, as autoridades sanitarias establecen un máximo de 15 persoas por grupo de participantes neste tipo de eventos.

As normas para a elaboración das cachelas nos supostos permitidos son as seguintes:                                                                                                

  1. As cachelas terán que distar un mínimo de 12 metros de edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión será de 4 metros de ancho, cunha altura máxima de 2 metros.
  2. Os materiais a empregar na combustión serán: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase. Prohíbense os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Prohíbense as fogueiras baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc. 
  3. Prohíbese a realización das tradicionais fogueiras parroquiais, comunitarias ou veciñais en espazos públicos, porque nas actuais circunstancias non se pode garantir a seguranza e cumprimento das normas vixentes de prevención da COVID-19 para evitar rebrotes.
  4. A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos Corpos da Policía Local, Protección Civil ou Corpo de Bombeiros. En caso de emerxencia están dispoñibles os seguintes teléfonos: Servizo de Bombeiros (112 / 981758057), Policía Local (981701722) e Protección Civil (981 704048).

Compartir: