Inicio Carballo ao día Novas Avanzan as obras na rúa Vila de Laxe...

Avanzan as obras na rúa Vila de Laxe dentro da programación de actuacións de mellora dos servizos e a accesibilidade no barrio do Chorís

O alcalde, Evencio Ferreiro, visitou as obras acompañado polo concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez

Venres 7 de maio do 2021

Evencio Ferrero, Maruxa Suárez e Luis Lamas, na rúa Vila de Laxe

Evencio Ferrero, Maruxa Suárez e Luis Lamas, na rúa Vila de Laxe

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro Luis Lamas e a concelleira Maruxa Suárez, achegouse ata a rúa Vila de Laxe para ver o desenvolvemento das obras que se están a levar a cabo nese ámbito. Dentro da programación de actuacións encamiñadas a seguir mellorando os servizos e a accesibilidade nos distintos barrios urbanos, no Chorís temos en marcha un proxecto de reurbanización que afecta á rúa Vila de Laxe, pero tamén á Vila de Corcubión e á Vila de Noia, completando deste xeito as infraestruturas viarias dunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, posto que concentra unha gran afluencia de peóns arredor das instalacións educativas e deportivas existentes.

Despois das actuacións de mellora da seguridade viaria realizadas no perímetro deses equipamentos, o obxectivo agora é estendelas a outras rúas do ámbito. Da execución do proxecto, que ten un orzamento de 250.000 euros, encárgase a empresa Excavaciones y Obras Candal S.L.

Na rúa Vila de Laxe actuarase en toda a súa lonxitude, cunha solución de plataforma única seguindo o modelo das rúas Ponte ou Xúpiter e facilitando a conexión entre as dúas prazas existentes a ámbalas marxes, como xa se pode ver sobre o terreo. As obras incluíron tamén a renovación ou ampliación dos servizos urbanísticos, xa que, por exemplo, a rede de auga era de fibrocemento, non había canalizacións separadas para as augas pluviais e residuais e o abastecemento eléctrico realizábase con cables acaroados ás fachadas.

A mellora dos servizos urbanos, solucionando as carencias e deficiencias dos existentes, é un dos obxectivos das obras nas tres rúas incluídas no proxecto. A reurbanización esténdese aos ramais das rúas Vila de Corcubión e Vila de Noia que comunican a mazá de equipamentos coa rúa Vila de Negreira, nos que se seguirá o modelo de aparcamentos da contorna, con céspede e árbores. Tamén se renovará o pavimento no treito de beirarrúa existente fronte ao edificio Eurovivienda, na rúa Vila de Corcubión, para igualado co resto do entorno.

No cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños xa se construíu unha rotonda para facilitar a circulación rodada, aliviar o tráfico e unificar as aliñacións entre as rúas Vila de Corcubión e Alfredo Brañas.

Compartir: