Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo inviste 60.000 euros no...

O Concello de Carballo inviste 60.000 euros no acondicionamento de camiños de uso agrícola e forestal nas parroquias de Rus e Sísamo

As actuacións en marcha permitirán mellorar máis de 2 quilómetros de vías rurais

Venres 7 de maio do 2021

Obras no camiño de Ramil a Figueroa, en Sísamo

Obras no camiño de Ramil a Figueroa, en Sísamo

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 60.000 euros na mellora de 2.175 metros máis de camiños de uso agrícola e forestal. A empresa Excavaciones y Obras Candal iniciou nos últimos días os traballos nas dúas vías das parroquias de Rus e Sísamo que serán acondicionadas dentro do plan da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para facilitar as tarefas agrícolas e forestais.

Nese sentido, os traballos van encamiñados a adaptar o firme ás características do tráfico que soportan os camiños, mellorar a seguridade viaria, a integración ambiental ou a sinalización, mantendo o trazado existente.

Na parroquia de Rus mellorarase o camiño de Ferrol á AC-400, cunha lonxitude de 875 metros. Os traballos consisten na regularización da vía para conseguir un ancho mínimo de 4 metros en todo o trazado e na adecuación do sistema de drenaxe.

Na parroquia de Sísamo o obxectivo é o acondicionamento dos 1.300 metros do camiño de Ramil a Figueroa, regularizando o ancho para acadar un mínimo de 4 metros e adecuando, como no caso anterior, o sistema de drenaxe.

Compartir: