Inicio Carballo ao día Novas Todas as zonas de baño do litoral...

Todas as zonas de baño do litoral carballés obteñen a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria que vén de comunicar a Xunta

O Concello de Carballo ten implantado un sistema de xestión ambiental que ten como obxectivo converter as praias nun referente de aproveitamento sostible

Mércores 14 de abril do 2021

A efectos de salvamento, a costa carballesa está dividida en 8 zonas de baño

A efectos de salvamento, a costa carballesa está dividida en 8 zonas de baño

Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira,  Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas acadan a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2020 que vén de remitir a Consellería de Sanidade ao Concello de Carballo, e que podes consultar no documento anexo.

A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001, o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que  implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Dende o ano 2014 temos implantado un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Ao mesmo tempo seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios e usuarias, coma a redución da velocidade dos vehículos nas zonas de acceso, a extensión da rede de abastecemento de auga a todo o litoral, as campañas de sensibilización ambiental que levamos a cabo coa colaboración de entidades ecoloxistas ou a implicación municipal na conservación da píllara das dunas, unha especie ameazada que estamos intentando protexer sinalizando debidamente os seus niños, e que desde aquí aproveitamos para pedirvos que respectedes e fagades respectar.

Descargas

Compartir: