Inicio Carballo ao día Novas A adxudicación das obras das dúas...

A adxudicación das obras das dúas últimas sendas completa o proceso de contratación das actuacións incluídas no proxecto Cicl-Ando Carballo

O alcalde e os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane achegáronse ata a avenida de Malpica, onde está en execución a primeira das 9 sendas previstas

Mércores 7 de abril do 2021

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero, na obra da avenida de Malpica

Luis Lamas, Juan Seoane e Evencio Ferrero, na obra da avenida de Malpica

O proxecto “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible, empeza a converterse en realidade. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e o de Obras e Servizos, Luis Lamas, puideron comprobalo na avenida de Malpica, onde está en obras a primeira das nove sendas previstas.

O orzamento total do proxecto Cicl-Ando Carballo acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, que é a máxima porcentaxe posible. Grazas a este financiamento, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso co medio ambiente e co desenvolvemento da Estratexia 2030 a través de proxectos que nos permiten seguir avanzando cara unha mobilidade máis sostible e reducir, en consecuencia, a nosa a pegada de carbono.

Coas dúas sendas adxudicadas onte á tarde pola Xunta de Goberno Local en sesión extraordinaria, o Concello de Carballo completa a contratación de todas as actuacións incluídas no programa:

Senda 1- Continuidade senda ciclo-peonil: Avda. Bértoa - Polígono Industrial Bértoa.- dende o treito que executou o Concello de Carballo para darlle continuidade polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de bombeiros e o novo centro social. Lonxitude 994 m.- Orzamento 278.398,14 € .- Adxudicada a Vázquez y Reino.

Senda 2- Conexión polígono industrial de Bértoa - Estrada Carballo - Razo (DP – 1902).- O novo itinerario ciclo peonil dará continuidade ás sendas definidas no proxecto Cicl-Ando Carballo ao longo da DP 1902 Carballo - Razo coas definidas e existentes no entorno do polígono industrial de Bértoa. Lonxitude 920 m.- Orzamento 91,270,76 € .- Adxudicada a Construcciones Cernadas.

Senda 3- Conexión carril bici existente en Avda. Razo (DP-1902) con carril bici existente entre rúa Poniente e rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414).-O obxectivo deste tramo é o de conectar os dous carrís bici existentes na actualidade nas avenidas de Razo e de Malpica. Lonxitude 1182 m.- Orzamento 96.799,38 € .- Adxudicada a López Cao

Senda 4- Mellora do carril bici xa existente entre as rúas Poniente - rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414). O obxecto do proxecto é a mellora do itinerario ciclista que ocupa actualmente a Avda. de Malpica e a creación dun novo itinerario na rúa Fábrica, naqueles tramos onde non existe na actualidade. Lonxitude 1350 m.- Orzamento 178.425,14 € .- Adxudicada a Excavacións e Obras Candal. Xa en execución.

Senda 5- Conexión casco urbano - colexio Artai.- Lonxitude 897 m.- Orzamento 178.444,60 € .- Adxudicada a Desarrolla

Senda 6- Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici Avda. Razo (DP-1902).-O obxecto da actuación é a definición dunha senda ciclo-peonil na Avenida de Razo de cara a completar o carril-bici existente na avenida de Razo, que discorre dirección saída do núcleo urbano pola súa marxe dereita. Lonxitude 1240 m.- Orzamento 460.563,45 € .- Adxudicada a Vázquez y Reino.

Senda 7- Senda ciclo turística Carballo – Razo.- O obxecto desta senda é conectar o núcleo urbano de Carballo coa zona litoral do municipio onde se sitúa a praia de Razo Lonxitude 7610 m.- Orzamento 344.111,44 € .- Adxudicada a Vázquez y Reino.

Senda 8- Conexión casco urbano - senda ciclo-peonil Avda. Bértoa.-  O obxecto da actuación é a definición dunha senda ciclo peonil, na marxe dereita da Avenida Vázquez de Parga de cara a conectar a senda existente na Avenida de Bértoa co centro urbano e administrativo de Carballo. Lonxitude 681 m.- Orzamento 256.960,34 € .- Adxudicada a López Cao.

Senda 9- Senda perimetral polígono de Bértoa.- O obxecto desta actuación é dotar dun itinerario lúdico-deportivo que enlaza co centro urbano e co resto da rede ciclista: Lonxitude 4168 m.- Orzamento 110.894,35 € .- Adxudicada a Excavaciones y Obras Candal.

A rede de sendas vai máis alá do ámbito urbano e terá, ademais da funcionalidade de lecer ou turística, a de facilitar os desprazamentos por motivos laborais ou escolares. Como complemento crearase unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas en dez enclaves diferentes, cuxa execución foi adxudicada xa á empresa Globalia Urbanismo Integral SL por 37.788,97 euros. Entre ambas as medidas conseguirase unha redución no consumo enerxético de enerxía final do 15,52%.

O proxecto inclúe tamén a páxina web ciclandocarballo.gal, desenvolvida por Deindo Ideas, e, por último, unha campaña de concienciación en mobilidade sustentable, que, segundo a proposta aprobada hoxe mesmo pola mesa de contratación, será realizada por Atlantic Ponte 2000.

Ligazóns

Compartir: