Inicio Carballo ao día Novas Coa reposición das vías afectadas...

Coa reposición das vías afectadas rematan as obras da rede de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa-Rus

A empresa concesionaria do ciclo integral da auga xa instalou os primeiros contadores

Mércores 31 de marzo do 2021

A reposición das vías e dos servizos afectados supón o remate das obras de construción da rede de abastecemento de auga ao longo da estrada provincial Carballo-Portomouro, entre Santa María de Ardaña e Canosa-Rus. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Mobilidade, Juan Seoane, realizaron hoxe un percorrido polos 8.635 metros de vías ao longo das cales se instalaron as tubaxes por parte da empresa Excavaciones y Obras Candal.

A actuación, que supuxo un investimento próximo aos 280.000 euros, permite levar o servizo aos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa, e está deseñada para garantir o subministro a unha poboación de 474 persoas, fixando como horizonte o ano 2030.

O abastecemento de auga era unha demanda da poboación da zona, como demostra que xa se leven realizado máis de 200 acometidas e que xa se instalaran os primeiros contadores, polo que a auga pública chega xa ás primeiras vivendas da zona.

A extensión da rede municipal de auga potable é unha prioridade para o goberno municipal, como demostran os proxectos que temos en marcha nestes momentos, que superan os 3 millóns de euros de orzamento.

Compartir: