Inicio Carballo ao día Novas Rematan as obras de reurbanización da...

PREVISTA PARA A SEMANA QUE VÉN A REAPERTURA AO TRÁFICO

Rematan as obras de reurbanización da rúa Perú coa construción dunha glorieta e o aglomerado da calzada

Hoxe tamén quedará lista a glorieta que mellorará a fluidez da circulación rodada na avenida de Bergantiños

Mércores 31 de marzo do 2021

Rotonda da rúa Perú

Rotonda da rúa Perú

O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse hoxe ata as obras de construción de dúas novas rotondas en dous cruces urbanos con moita densidade de tráfico. Con esta solución agárdase mellorar a fluidez da circulación rodada, ademais de seguir contribuíndo ao calmado do tráfico en beneficio da mobilidade peonil.

Aglomerado da rúa Perú

Aglomerado da rúa Perú

Unha das glorietas está situada no cruce das rúas Perú, Pontevedra e Ecuador. A obra levouse a cabo dentro do proxecto de reurbanización dun treito da primeira vía que se caracterizaba por contar con beirarrúas moi estreitas, pero, ademais de solucionar esa eiva, tamén se realizou unha renovación completa dos servizos urbanísticos. A rúa Perú quedará lista hoxe, coa nova rotonda adaptada ao espazo existente e rebasable para grandes vehículos, e coa calzada aglomerada, pero non se abrirá ao tráfico ata a semana que vén, por unha parte porque o cemento da glorieta ten que fraguar e, por outra, porque falta o pintado da sinalización horizontal.

En principio o peche continuará ata o martes 6 de abril. Tan só se permite o acceso a persoas residentes e/ou usuarias de garaxes, e os turismos procedentes da avenida Ponte da Pedra tamén poden circular ata a rúa Ecuador, pola que son desviados. Os accesos ás rúas Pontevedra e Ourense están pechados. O corte da rúa tamén obrigou a anular durante estes días a parada de autobús.

Rotonda da avenida de Bergantiños

Rotonda da avenida de Bergantiños

A outra rotonda que quedará lista hoxe ten como finalidade a mellora da circulación nos cruces das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños, que está parcialmente pechada ao tráfico para facilitar o desenvolvemento dos traballos. A glorieta terá 19,5 metros de diámetro. Esta actuación enmárcase no proxecto de reurbanización das rúas Vila de Laxe, que está moi avanzada; Vila de Corcubión e Vila de Noia.

O Concello de Carballo decidiu aproveitar as vacacións de Semana Santa para acometer estas actuacións, dado que non circula o transporte escolar e tamén se reduce o de mercadorías. Aínda así , durante toda esta semana está restrinxida a circulación de tráfico pesado pola zona urbana, e os camións son desviados pola circunvalación da AG-55.

Compartir: