Inicio Carballo ao día Novas As obras das rúas Bos Aires e Perú...

As obras das rúas Bos Aires e Perú marcan o inicio da reordenación integral do ámbito dos Baños Vellos

O alcalde realizou hoxe un percorrido pola zona acompañado polo concelleiro Marcos Trigo

Venres 12 de marzo do 2021

Evencio Ferrero e Marcos Trigo, nas obras da rúa Perú

Evencio Ferrero e Marcos Trigo, nas obras da rúa Perú

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, realizaron hoxe unha visita ás obras que se están a desenvolver nas rúas Bos Aires e Perú. Na primeira estase instalando estes días a tarima de madeira das zonas de descanso, o que permitirá xa retirar as barreiras da obra para facilitar o uso dos espazos lúdicos creados ao longo da rúa, e na segunda avanzan a un ritmo excelente os traballos de reurbanización.

Na rúa Bos Aires vimos de realizar un investimento de 280.775,27neuros para renovar todos os servizos urbanísticos, eliminando as canalizacións de fibrocemento e os tendidos aéreos e introducindo novos servizos, ademais de mellorar a accesibilidade mediante a creación dunha plataforma única. A estes dous obxectivos, comúns a todas as obras viarias que se están a executar na zona urbana, súmase neste caso un elemento diferenciador introducido pola arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís no seu proxecto, que é a incorporación, xunto co mobiliario urbano e o axardinamento, de xogos infantís e de elementos coma un corazón colector de tapóns con tanto uso que pretendemos colocalos en máis ámbitos urbanos.

Rúa Bos Aires

Rúa Bos Aires

A obra foi executada pola empresa Vázquez y Reino, que tamén é a que está traballando na rúa Perú, paralela á anterior. A actuación, adxudicada por 188.266,01 euros, desenvólvese no treito comprendido entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente e a rúa Ourense, o que supón uns 150 metros lineais. Como na totalidade das vías urbanas nas que estamos actuando, o proxecto permitirá eliminar as tubaxes de fibrocemento, ademais de separar as canalizacións de augas pluviais e residuais, soterrar os tendidos e implantar novos servizos. Debido á densidade do tráfico, nesta vía óptase pola construción de beirarrúas e calzada a distintos niveis. As incorporacións ás rúas Estrela e Chile resolveranse con “isletas”.

Durante o percorrido de hoxe, alcalde e concelleiro tiveron a ocasión de conversar con veciños e veciñas, que unanimemente amosaron a súa satisfacción polo resultado das actuacións realizadas na zona e aproveitaron para propoñer que se sigan estendendo polo ámbito. De feito, ese é o obxectivo do plan director elaborado para ese ámbito. Este mesmo ano acometeranse as obras de reurbanización das rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos, que suporán en conxunto un investimento próximo aos 450.000 euros, e a máis longo prazo inclúense tamén as rúas Estrela, Lugo e Chile, entre outras actuacións nese ámbito.

Compartir: