Inicio Carballo ao día Novas A rúa Estrela cambia de sentido de...

A rúa Estrela cambia de sentido de circulación como primeiro paso da reordenación do tráfico no ámbito dos Baños Vellos

Debido ás obras de reurbanización da rúa Perú, hoxe quedou pechado á circulación o treito ata Baños Vellos agás para as persoas usuarias dos garaxes

Luns 8 de marzo do 2021

Provisionalmente os vehículos teñen que desviarse cara a rúa Baños Vellos

Provisionalmente os vehículos teñen que desviarse cara a rúa Baños Vellos

Hoxe a rúa Estrela quedou parcialmente pechada ao tráfico e estreou novo sentido de circulación. O peche é provisional, motivado polas obras de reurbanización que se están a acometer na rúa Perú, pero o cambio de dirección para os vehículos será permanente. O Concello de Carballo afronta deste xeito un primeiro paso de cara á reordenación da contorna dos Baños Vellos, seguindo as directrices do plan director elaborado para mellorar a mobilidade, a seguridade e a calidade ambiental de todo ese ámbito, ademais de poñer en valor un espazo urbano emblemático.

Deste xeito, a partir de hoxe o acceso rodado á rúa Estrela realizarase exclusivamente dende Vázquez de Parga. Debido ás obras na rúa Perú, provisionalmente os vehículos terán que desviarse pola rúa Baños Vellos, agás as persoas usuarias de garaxes, que non están afectadas polo peche da vía.

O cambio de sentido da rúa Estrela ten como finalidade aliviar a presión de vehículos sobre Vázquez de Parga e Ponte, impedindo dar voltas en torno ao estacionamento da Horta do Casino. Esta modificación na circulación acompañarase no futuro dun proxecto de reurbanización como os que se van acometer este mesmo ano nas rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos. A partir destas actuacións, Ourense e Baños Vellos serán peonís. Deste xeito, ademais de aliviar o tráfico no centro urbano, crearase un espazo agradable e seguro para a veciñanza, abrindo novas oportunidades para as actividades comerciais e hostaleiras. O plan director inclúe nunha fase seguinte, así mesmo, a reurbanización da rúa Lugo.

Compartir: