Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo pon en marcha unha nova...

ACCEDE AQUÍ AO FORMULARIO ONLINE PARA SOLICITAR UNHA TRAMPA

O Concello de Carballo pon en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina en colaboración cos apicultores

O alcalde, o concelleiro de Servizos e o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas presentaron a campaña deste ano

Xoves 4 de marzo do 2021

Participantes na presentación da campaña xunto a un niño de velutina

Participantes na presentación da campaña xunto a un niño de velutina

O Concello de Carballo e os apicultores locais teñen declarada a guerra a avespa velutina, unha especie invasora que está a causar importantes problemas aos produtores de mel, pero tamén aos de froita, aos labregos, os traballadores forestais ou mesmo ao persoal municipal que se dedica á roza das vías, que a partir desta época vese na obriga de traballar coa cabina do tractor totalmente pechada e co antídoto sempre a man por se é vítima dunha picadura.

Aínda que acabar coa velutina semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible grazas ás campañas anuais de trampeo, nas que Carballo foi un concello pioneiro. Hoxe presentouse a correspondente a este 2021 no Fórum Carballo, no que se deron cita o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Isidro Rodríguez, e un reducido grupo de colaboradores e colaboradoras habituais nos últimos anos, na súa maioría apicultores e apicultoras.

A campaña arrinca coincidindo co momento no que as avespas espertan do seu letargo invernal. As primeiras xa caeron na trampa que se colocou esta mesma semana na Praza de Galicia, o que indica que comezaron xa a súa actividade. O obxectivo é aproveitar estes tres próximos meses, ata finais de maio, para intentar atrapar o maior número de raíñas, porque non hai niño sen raíña nin raíña sen niño. Empeza, por tanto, unha época crucial para combater esta praga, e desde o Concello de Carballo solicítase toda a colaboración posible.

Neste sentido, tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, agradeceron a colaboración do sector da apicultura e reiteraron o compromiso do Concello de Carballo de seguir loitando contra esta praga. Neste sentido, tanto os representantes municipais como os apicultores presentes lamentaron o cambio de xestión na loita contra a avespa asiática despois de que a Xunta de Galicia decidise asumilo, e dende o público expresáronse varias queixas porque os niños ou ben non son retirados ou tárdase moito en facelo.

Esa pode ser unha das causas de que no ano 2020 só se retirasen uns 400 niños, case a metade que o ano anterior, cando era o Concello de Carballo o que prestaba o servizo directamente. “O Concello tiña un sistema eficaz, pero a Xunta quixo unificalo”, explicou o alcalde, que lamentou “que se retiren menos niños non porque hai menos, senón por incapacidade para atender todos os avisos”.

Unha das novidades da campaña deste ano é que se realizará un rexistro informático para coñecer a situación de todas as trampas e as capturas que se producen en cada unha delas. As persoas que queiran colaborar poden descargar o formulario de solicitude do material, que será cedido de balde polo Concello de Carballo, na seguinte ligazón:

Ligazóns

Compartir: