Inicio Carballo ao día Novas Avanzan as obras na estrada da Canosa ao Pereiro...

Avanzan as obras na estrada da Canosa ao Pereiro Vello, que se sumará á rede de vías aglomeradas

O Concello de Carballo investiu no último ano máis de 800.000 euros na mellora do pavimento en estradas que unen os principais núcleos rurais

Martes 2 de marzo do 2021

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras

Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron as obras

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, fixeron un percorrido pola estrada que comunica os núcleos da Canosa (Rus) e Pereiro Vello (Entrecruces) aproveitando o inicio das obras de mellora da vía. Os traballos, que foron adxudicados á empresa Arias Infraestructuras por 238.992,77 euros, consisten na regularización de anchos da vía, que pasará a ter 6 metros de media, e no estendido dunha nova capa de rodaxe con aglomerado. Así mesmo, o proxecto inclúe a instalación da rede de abastecemento de auga aos lugares da Canosa, Braña de Abaixo e Braña e Arriba.

A estrada de Canosa ao Pereiro Vello sumarase deste xeito a rede municipal de vías aglomeradas, que no último ano incrementouse en varios quilómetros grazas a un investimento de máis de 800.000 euros, aos que se suman os preto de 200.000 investidos pola Deputación da Coruña en Berdillo. Estas son as actuación executadas:  

  • Paradela-Prearada (Sofán)
A renovada vía de Paradela a Prearada ten agora unha anchura media de 5,5 metros, o que supón que a ampliación foi de ata un metro nalgúns puntos. A actuación desenvolveuse ata o límite co municipio da Laracha.
  • Xoane-Piñeiro (Goiáns)
Entre os dous núcleos principais da parroquia de Goiáns tamén están rematadas as obras. O proxecto permitiu regularizar o firme da vía e dotala dun ancho mínimo de 5,5 metros.
  • Xamozo (Artes)-Santa María (Ardaña)
A vía ten agora unha anchura media de 6 metros ao longo dos máis de tres quilómetros que unen as parroquias de Artes e Ardaña, polos que circula a diario o transporte escolar. O proxecto incluíu tamén a dotación de rede de augas pluviais nun treito de 70 metros, drenaxe e estendido dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, ademais do recrecido das tapas dos pozos, arquetas e sumidoiros.
  • Feira de Berdillo-O Moucho (Artes-Berdillo)
A Deputación da Coruña acometeu as obras de renovación do firme e mellora da seguridade viaria dos primeiros 2,5 quilómetros da estrada provincial DP-1904, da Feira de Berdillo ao Moucho. As obras foron executadas pola empresa GR Construcciones por 195.479,05 euros. Ademais do aglomerado incluíuse o pintado da estrada e a renovación da sinalización vertical e horizontal.

Compartir: