Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local adxudica por 361.912...

O SERVIZO ESTENDERASE ATA PEDRA DO SAL COS FONDOS ANUAIS DO POS+

A Xunta de Goberno Local adxudica por 361.912 euros as obras da rede de abastecemento de auga a Lema

Na zona costeira tamén está en contratación o proxecto de auga e saneamento dos núcleos de Cambre, O Outeiro e Cambrelle

Luns 1 de marzo do 2021

Vista dende Castrillón

Vista dende Castrillón

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a adxudicación das obras de construción da rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lema á empresa Vázquez y Reino por un prezo de 361.912,28 euros. O obxectivo da actuación, incluída no POS+Adicional 2019, é seguir estendendo pola costa a traída municipal, que nestes momentos chega ata Razo.

Nesta segunda fase instalarase a rede principal dende Razo ata Lema, que inclúe un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira ou O Igrexario. Tamén se dará servizo ao Castrillón, onde tamén se deixaron listas as tubaxes aproveitando as recentes obras de mellora viaria do lugar.

A maiores, está pendente de adxudicación o proxecto de instalación das redes de saneamento e abastecemento nos núcleos de Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), que se financiará con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais do ano 2019 cun orzamento de 416.971,86 euros. Na zona costeira, así mesmo, dentro do POS+ aprobado este ano inclúese un investimento de 687.472,26 euros para seguir estendendo a rede de subministro de auga potable ata Pedra do Sal.

En total, despois da recente execución da rede de abastecemento ás parroquias de Oza e Razo, o investimento que realizará o Concello de Carballo neste mandato para estender o servizo público de auga ao litoral superará os 3,2 millóns de euros.

Compartir: