Inicio Carballo ao día Novas Trasladados a unha zona axardinada nas beiras do...

Trasladados a unha zona axardinada nas beiras do Rego da Balsa tres dos catro magnolios da Praza Vila de Laxe

O espazo urbano, afectado polas obras de reurbanización que se levan a cabo nas rúas da contorna, contará con outras árbores de crecemento máis lento e menor porte

Sábado 27 de febreiro do 2021

Plantación dun dos magnolios no seu novo emprazamento

Plantación dun dos magnolios no seu novo emprazamento

Tres dos catro magnolios que medraron durante as últimas décadas na praza Vila de Laxe locen agora nos xardíns da urbanización Costa Nariga, nas beiras do Rego da Balsa, onde terán moito máis espazo e mellores condicións para medrar e florecer. O traslado realizouse onte, por parte do persoal das brigadas municipais de Obras e Xardíns e supervisado por unha enxeñeira técnica agrícola e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. A operación provocou moita expectación tanto no punto de saída coma no de chegada.

O traslado dos magnolios realizouse coincidindo coas obras de reurbanización na contorna da praza e a petición da veciñanza, xa que o gran porte que adquiriran as árbores estaba provocando numerosas molestias e, ademais, as condicións nas que se atopaban, rodeadas de pedra e cemento, impedían o seu correcto desenvolvemento. De feito, un dos magnolios xa ten problemas nas raíces debido á falta de espazo, aínda que agardamos que poida recuperarse no seu novo emprazamento.

Na Praza Vila de Laxe conservarase un dos magnolios

Na Praza Vila de Laxe conservarase un dos magnolios

O cuarto magnolio permanecerá no seu lugar como símbolo da identidade que estas árbores achegaron á praza. Xunto a el pronto medrarán outras especies máis axeitadas a ese espazo tan urbano, que está a ser obxecto dun importante proxecto de reurbanización. As obras, que teñen un orzamento superior a 250.000 euros, afectan ás rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que se realizará unha mellora integral dos servizos urbanos e do tráfico, coa construción dunha glorieta no cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños.

As obras son executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal, que deberá completar as obras de reurbanización de varias rúas no entorno da mazá de equipamentos do Complexo Deportivo Vila de Noia, o CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas, unha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, pois concéntrase en curtos períodos de tempo unha gran afluencia de nenos e adolescentes, punto final dunha das rutas do Pedibús, autobuses de transporte escolar e familias que acompañan á rapazada ao colexio e ás instalacións deportivas da piscina e pavillón da Vila de Noia.

Vídeos

Compartir: