Inicio Carballo ao día Novas Carballo ofrece tres meses de “Cultura con forza”

Carballo ofrece tres meses de “Cultura con forza”

Entre marzo e maio desenvolveranse máis de 25 actividades que nos permitirán volver a demostrar que a cultura galega é fértil e segura

Venres 26 de febreiro do 2021 Cultura

Marcos Trigo e Evencio Ferrero, na presentación do cartel

Marcos Trigo e Evencio Ferrero, na presentación do cartel

Poderiamos dicir que temos cultura en abundancia, moita cultura ou unha fartura de cultura, pero hai unha expresión moi carballesa para incluír todos eses conceptos e algún matiz máis: “Cultura con forza”. E iso é o que imos ter durante os próximos tres meses, dende os primeiros días de marzo ata os últimos de maio: 5 espectáculos de teatro para adultos, 4 de danza, 5 para todos os públicos, 2 documentais, 5 longametraxes de cine euro-árabe, 4 exposicións... En definitiva, “unha programación que denota a vitalidade, o enxeño e a capacidade creativa do sector cultural”, como manifestou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do cartel.

Este ano damos acubillo baixo o mesmo paraugas ás distintas propostas que forman parte da nosa programación cultural estable desta época do ano: Venres Culturais, Primavera enDanza, Amal en Ruta... porque temos “Cultura con forza” en cantidade, pero tamén en calidade. E ademais de aludir a ese significado dual do título “Cultura con forza”, o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, destacou a fortaleza e fertilidade, mesmo nestes tempos de crise e incerteza, da cultura galega, que será a gran protagonista destes tres meses de actividades.

Un formato excepcional

Marcos Trigo, que cualificou coma “unha idea moi afortunada do departamento de Cultura” este formato excepcional da programación que se desenvolverá entre o inverno e o verán, expresou o seu desexo de que o vindeiro ano non sexa preciso repetilo, porque iso significaría deixar atrás a pandemia.

“Cultura con forza” ten, nese aspecto, unha acepción máis: o da #culturasegura, un lema que vimos utilizando durante o último ano e que tamén vai estar moi presente nestes vindeiros meses: aforos limitados, o uso de máscara, o xel hixienizante, a organización das entradas e saídas... E, xunto a todas as medidas de prevención da COVID-19, seguiremos apostando polas retransmisións en streaming da maior parte dos espectáculos, trasladando o escenario do Pazo da Cultura, ou a Biblioteca Rego da Balsa ou o Mercado Municipal, onde se desenvolverá unha das propostas, aos fogares dos carballeses e carballesas.

Como dixo o alcalde, “a roda da cultura non pode parar nunca”. Evencio Ferrero declarouse “encantado de que a cultura volva a estar presente e volva a estar presente con forza”, porque “é necesaria no noso día a día”.

Descargas

Compartir: