Inicio Carballo ao día Novas Aprobadas as solicitudes de axuda para dous...

Aprobadas as solicitudes de axuda para dous obradoiros de emprego de cociña e atención sociosanitaria a dependentes

A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou a obra de abastecemento de auga e saneamento a varios lugares da parroquia de Berdillo por 237.059,32 euros

Luns 15 de febreiro do 2021

O Concello solicita unha subvención para un obradoiro de cociña

O Concello solicita unha subvención para un obradoiro de cociña

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe, que se celebrou de maneira telemática, dúas solicitudes de subvención á Xunta de Galicia para outras tantas accións formativas: por unha banda, para o obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, destinado á formación de 20 alumnos/as traballadores/as durante nove meses na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, e, por outra, para o programa de emprego de garantía xuvenil “Carballo entre fogóns”, no que poderían formarse 12 mozos e mozas durante doce meses na especialidade de Cociña. O investimento previsto polo Concello de Carballo nestes dous proxectos de formación e inserción laboral supera os 650.000 euros.

Ademais das solicitudes destas dúas subvencións, aprobadas fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa Excavaciones y Obras Candal, por 237.059,32 euros, as obras de abastecemento e saneamento nos lugares de O Curro, O Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, na parroquia de Berdillo. O prazo de execución será de seis meses a partir da sinatura da acta de inicio.

En materia de contratación tamén se aprobaron os expedientes relativos ao proxecto de reurbanización da rúa Tarragona, que sairá a licitación por terceira vez cun orzamento de 65.200,11 euros, e ao Plan de mellora de camiños rurais, co-financiado polo FEADER con 54.338,22 euros, e que ten un orzamento total de 69.094,36 euros. As actuacións previstas son o acondicionamento do camiño de Ferrol de Rus á estrada AC-400 e da vía de Ramil a Figueroa, en Sísamo.

O goberno municipal deu luz verde tamén a outras solicitudes de subvención:

  • Á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a adquisición de novidades editoriais para as bibliotecas municipais.
  • Á Deputación da Coruña, 10.000 euros para o mantemento dun posto de traballo de técnico municipal de animación sociocultural, que ten un orzamento total de 47.745,21 euros.
  • Á Deputación da Coruña tamén se lle solicitan 20.000 euros para o mantemento do Conservatorio Profesional de Música, que ten un orzamento anual de 410.692,34 euros.

Así mesmo, foron autorizados varios vaos e saíron adiante sete licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave destinada a almacén de maquinaria e materiais de obra no polígono industrial de Bértoa.

Compartir: