Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo realizou o ano pasado...

O Concello de Carballo realizou o ano pasado máis de 500 desinfeccións en edificios e espazos públicos

Ademais das accións programadas nos centros escolares, dende que empezou o curso realízanse desinfeccións puntuais sempre que se comunica a aparición dun caso de COVID-19

Xoves 11 de febreiro do 2021

O Fórum foi un dos primeiros edificios desinfectado

O Fórum foi un dos primeiros edificios que se desinfectou

O Fórum Carballo, a Unidade de Condutas Adictivas (UCA) e a antiga sede da Asociación Antidroga Vieiro foron os primeiros lugares que a COVID-19 obrigou a desinfectar. Foi o 18 de marzo do ano pasado, coincidindo coa aparición dos primeiros contaxios no noso concello. Dende esa data ata o 31 de decembro do 2020 leváronse a cabo máis de 500 desinfeccións tanto en edificios coma en espazos públicos.

As dependencias dos diferentes servizos municipais que non cesaron a súa actividade durante o confinamento _Casa do Concello, a Policía Local, o Mercado Municipal, a UCA, o edificio de Servizos Sociais, o Fórum, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras_ foron desinfectadas periodicamente. Dende o Concello de Carballo tamén se colaborou coa UDIAF ou Afaber para hixienizar as súas instalacións cando retomaron a actividade, do mesmo xeito que se desinfectaron os distintos espazos do Pazo da Cultura nos que se desenvolven actividades lúdicas e formativas.

Durante o estado de alarma fíxose especial fincapé na limpeza e desinfección dos espazos urbanos e rúas con máis tránsito, como as contornas de supermercados, farmacias e outros establecementos esenciais, de igual xeito que se reforzou a limpeza periódica dos contedores de residuos sólidos urbanos con desinfeccións diarias. Despois do confinamento reforzáronse eses traballos especialmente nos parques infantís e tamén no parque canino dende a súa apertura ao público.

Durante o estado de alarma incidiuse nas contornas dos servizos abertos ao público

Durante o estado de alarma incidiuse nas contornas dos servizos abertos ao público

Cada ano, o servizo municipal de control de pragas aproveita as vacacións escolares do verán, Nadal e Semana Santa para realizar unha desinfección a fondo, ademais de labores preventivas de desinsectación e desratización, en todos os colexios e escolas unitarias. Este curso, ademais, estanse a realizar desinfeccións puntuais sempre que se comunica dende calquera centro escolar a aparición dun caso de COVID-19. A primeira tivo que levarse a cabo o 12 de setembro no CEIP Nétoma-Razo. Esta práctica tamén se estende ás instalacións deportivas.

Planificación anual

Ademais das limpezas e desinfeccións derivadas das novas necesidades creadas polo coronavirus, no Concello de Carballo mantemos a planificación anual habitual deste tipo de traballos que veñen realizando as distintas empresas concesionarias, tanto do servizo de control de pragas coma da limpeza viaria ou da recollida do lixo.

Precisamente esta semana rematou o primeiro lavado de contedores na zona rural, pero unha vez máis lembramos que no caso de detectar unha necesidade puntual debe poñerse en contacto da empresa a través do número de teléfono 981 754 917, no enderezo electrónico info@carballolimpo.com ou a través da APP de avisos do Concello de Carballo.

Así mesmo, xa están en marcha as accións de desratización que se levan a cabo cada trimestre en todas as rúas de Carballo. Tamén neste caso, sempre que se detecte un problema, pode comunicarse a través da APP de avisos ou chamando ao 981 754 699.

Compartir: