Inicio Carballo ao día Novas Este ano convidámoste a converter o teu...

Este ano convidámoste a converter o teu fogar no gran escenario das celebracións do Entroido de Carballo

Envíanos fotos ou vídeos de disfraces, pratos tradicionais, decoración ou representacións e “Comparte o teu Entroido” nas nosas redes sociais

Mércores 10 de febreiro do 2021 Cultura

Coa cifra de casos activos de COVID-19 aínda por riba dos 300, unha incidencia acumulada superior a 750 casos por 100.000 habitantes e 27 persoas falecidas na residencia de maiores DomusVi, a Concellaría de Cultura xa anunciou a semana pasada a suspensión de todas as actividades programadas para o mes de febreiro, incluído o Entroido.

A necesidade de manter unha actitude responsable nesta situación de pandemia, a importancia de evitar calquera tipo de evento que contribúa ao contacto social e a obriga de cumprir e facer respectar as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias son motivos máis que suficientes como para pedir un esforzo máis á poboación e que todas as celebracións destas datas tan tradicionais se limiten ao ámbito doméstico e ás persoas conviventes.

Pero como tamén somos conscientes de que é unha tradición que non podemos perder, este ano convidámoste a converter o teu fogar no gran escenario do Entroido e a compartilo nas nosas redes sociais. Envíanos fotos ou vídeos dos disfraces da rapazada (e das persoas adultas), do cocido, das filloas ou as orellas, da túa casa engalanada para a ocasión, dunha interpretación ou de calquera outro aspecto e/ou elemento alusivo ao Entroido. Incluso, se queres, lembrando grandes momentos de Entroidos anteriores. “Comparte o teu Entroido” a través de Whastapp no número 604072887 e, por este ano, vivámolo sen saír da casa.

Por se vos serve de inspiración, aquí tedes o vídeo que prepararon para este Non-Entroido os e as artistas da Aula de Teatro Municipal. Non o perdades!

Vídeos

Compartir: