Inicio Carballo ao día Novas A comisión de seguimento da COVID-19...

A comisión de seguimento da COVID-19 analiza a situación do noso concello tras a entrada en vigor das máximas restricións

Máxima preocupación polo importante incremento do número de casos e polo gromo na residencia de maiores DomusVi

Luns 18 de xaneiro do 2021

A xuntanza celebrouse no salón de plenos

A xuntanza celebrouse no salón de plenos

A comisión de seguimento da COVID-19 celebrou hoxe a reunión convocada a semana pasada polo alcalde, a raíz da entrada en vigor das novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia tras incluír o noso concello entre os de máximo risco de transmisión da enfermidade. A normativa que leva aparellada esta decisión foi o eixe da xuntanza, na que participaron representantes da Garda Civil, a Policía Local e o goberno municipal.

A sesión comezou coa información sobre o número de casos activos que se vén trasladando á Alcaldía dende a Consellería de Sanidade dende o establecemento do nivel máximo de restricións, e que a día de hoxe sitúase en 184. Unha parte importante corresponde á residencia de maiores DomusVi, na que, segundo os últimos datos facilitados, hai 34 usuarios/as e 4 traballadores/as afectados. Evencio Ferrero amosou a súa preocupación, compartida polo resto das persoas presentes, pola evolución do coronavirus no noso concello nesta nova vaga de contaxios.

Recomendacións

Dende o Concello de Carballo están a respectarse as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias. En canto aos parques infantís, dado que dende a Xunta de Galicia se pediu expresamente que se manteñan abertos e que neste momento non se ten constancia de gromos en centros escolares tan importantes como a vez anterior, decidiuse que permanezan abertos. De igual xeito, mentres por parte da Xunta non se diga o contrario, en Carballo seguirán celebrándose as feiras, coa separación entre postos e as medidas de prevención que xa se veñen aplicando durante toda a pandemia.

Por parte das forzas e corpos de seguridade puxéronse sobre a mesa as dificultades para xustificar o traspaso do peche perimetral para o coidado de persoas dependentes e/ou menores. Neste sentido, tanto dende a Policía Local coma dende a Garda Civil requírese algún tipo de documento, que pode ser o DNI da persoa que precisa eses coidados ou o Libro de Familia no caso dos menores. Cando as persoas son usuarias dos Servizos Sociais municipais pode solicitarse un informe no propio servizo.

Ademais da vixilancia do peche perimetral, Policía Local e Garda Civil están a realizar controis diarios tanto dos horarios de peche coma dos aforos dos establecementos de hostalaría, que se intensificarán nos vindeiros días tanto na zona urbana coma na rural.

Compartir: