Inicio Carballo ao día Avisos Carballo súmase á campaña...

Carballo súmase á campaña "De frónte á violencia de xénero" arredor do 25N

Luns 16 de novembro do 2020

Aínda que nos vexamos na obriga de cambiar os nosos plans por mor da situación sanitaria, dende a Concellaría de Igualdade seguimos traballando contra as violencias e seguimos convidándovos a participar nas actividades que se levarán a cabo arredor do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas.

Este ano o Concello de Carballo sumouse á campaña promovida dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña "De fronte á violencia de xénero", que procura promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade.

Ao mesmo tempo, puxéronse a disposición da veciñanza unha serie de actividades coas que seguir levando aos nosos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte a desigualdade e a violencia de xénero, consecuencia directa daquela. Entre as actividades encontramos o Desafío poético, concurso que se desenvolverá ata o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia. Tamén se veñen ofrecendo conferencias online e diversas actividades nas redes sociais, e para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

Ligazóns

Compartir: