Inicio Carballo ao día Novas A partir do luns 28 limitarase o acceso rodado ao...

A partir do luns 28 limitarase o acceso rodado ao CEIP Bergantiños a petición do centro

A rúa Ramón Cabanillas permanecerá pechada ao tráfico, durante as horas de entrada e saída ao colexio, para mellorar a seguridade

Venres 25 de setembro do 2020

A partir do luns 28, a rúa Ramón Cabanillas permanecerá pechada ao tráfico durante as horas de entrada e saída ao CEIP Bergantiños. A Concellaría de Mobilidade atende deste xeito a solicitude presentada dende o centro educativo, e que ten como finalidade reducir o tráfico rodado para mellorar a seguridade para alumnado e familias.

Dende a Concellaría de Mobilidade, que está a traballar na creación de contornas escolares máis seguras, valórase positivamente a petición do colexio, xa que tamén contribúe á consecución dese obxectivo.

O peche ao tráfico da rúa Ramón Cabanillas realizarase de maneira experimental e unicamente durante as horas de entrada e saída do colexio. Unicamente poderán utilizar a rúa Ramón Cabanillas os residentes e/ou usuarios de garaxes na mesma. O resto dos vehículos poderán acceder á rúa Carballo Calero a través de Carré Aldao ou Álvaro Cunqueiro.

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, agradece a colaboración de veciñanza e familias para conseguir un tráfico máis fluído e seguro.

Compartir: